Mobilízate este xoves contra a supresión e recortes dos servizos ferroviarios na Galiza e a súa privatización.

Milleiras de mozas e mozos que na Galiza a diario se desprazan en ferrocarril até o seu centro de estudos ou traballo, están a padecer o continuo encarecemento do prezo do billete, unha progresiva redución dos servizos e a supresión de paradas e de frecuencias horarias.
Os gobernos do Partido Popular continúan a obviar as necesidades das galegas e dos galegos de contarmos con un transporte colectivo acaído ás nosas necesidades. Así é, que a pesar da dispersión poboacional de Galiza e de non contarmos con un servizo ferroviario de cercanías, no noso País suprímese unha media de 72 servizos ferroviarios semanais, moi por riba das reducións que o Estado efectúa noutros territorios. Así, como vén de denunciar o BNG, danse casos tan irracionais nos que o billete A Coruña-Madrid custa até seis euros menos ca o da liña A Coruña-Ourense; ou que a estación de Ferrol quede excluída da liña do Eixo Atlántico.

Desde Galiza Nova demandamos un servizo de ferrocarril que dea resposta ás necesidades de transporte da nosa poboación e que atenda á función social , sobre todo habendo moitas galegas e moitos galegos, especialmente xente moza, que non teñen outro medio para desprazarse.
Mobilízate este xoves na manifestación contra o roubo do tren que partirá ás 20 h da estación de San Diego da Coruña, convocada polos comités de empesa de Renfe e Adif e apoiada pola Plataforma en defensa do tren da Coruña-As Martiñas, da que a nosa organización forma parte.

Que non nos rouben o tren!