“Mocidade galega erguendo o seu futuro, Independencia!” é o lema que Galiza Nova vén de presentar xunto a outras organizacións xuvenís e estudantís a manifestación nacional que percorrerá as rúas de Compostela o vindeiro 24 de xullo, véspera do Día da Patria Galega. Desde a nosa organización chamamos ás mozas e mozos a mobilizarse pola Soberanía de Galiza e participar desta manifestación unitaria, que partirá ás 20 horas desde a Alameda.
Na mañá de hoxe, Galiza Nova, xunto ás outras sete organizacións xuvenís e estudantís convocantes (Adiante, Agir, AMI, Briga, Comités, Isca! e Liga Estudantil Galega), participou da presentación da convocatoria da manifestación do 24 de xullo e do manifesto conxunto, no que se denuncian as problemáticas e ataques que sofre a mocidade galega, nomeadamente o desemprego e o éxodo xuvenil, e chámase á autoorganización da mocidade galega, para avanzarmos no proceso de autodeterminación cara á República da Galiza, rachando co sistema imperante e construíndo un futuro de dignidade e de liberdade na nosa Terra.