Crónica da manifestación xuvenil do pasado 24 de xullo do 2013.
O pasado 24 de xullo a mocidade encheu as rúas de Compostela reclamando a Soberanía da Galiza. Máis de oitocent@s moz@s mobilizáronse na manifestación unitaria convocada por Galiza Nova xunto a outras sete organizacións xuvenís e estudantís soberanistas. A manifestación, que transcorreu custodiada en todo momento por unha gran cantidade de antidisturbios e de policía española en disposición ameazante, foi unha mostra da dignidade da mocidade fronte aos ataques que está a padecer, froito da crise do capitalismo e da situación de dependencia da nosa nación. Así, centos de mozas e mozos denunciamos este 24 de xullo a precariedade xuvenil, o masivo desemprego e o éxodo da mocidade galega, a destrución do noso territorio, do rural, do mar, da nosa industria…
Desde Galiza Nova parabenizamos ás mozas e mozos que participaron na manifestación xuvenil e ás demais organizacións convocantes que, de forma conxunta, camiñamos na véspera da Patria cara a conquista da nosa liberdade. Animamos ás mozas e mozos a continuaren mobilizándose pola soberanía da Galiza, conscientes da urxencia de avanzarmos no proceso de autodeterminación para construírmos un futuro de dignidade e de liberdade na nosa Terra.