Na época da República romana, avanzando na primeira metade do século II a.e.c., un dramaturgo coñecido como Terencio escribía na súa comedia Heautontimorumenos (O atormentador de si mesmo) un vello proverbio latino feito consigna: Humani nihil a me alienum puto («Nada humano me é alleo»). Esta máxima, que tamén foi empregada por Marx e os revolucionarios cubanos, ten moito que ver co nacionalismo galego e coa nosa forma de entender e estar no mundo.
O nacionalismo é un movemento que recoñece os dereitos dos pobos, a capacidade para desenvolver as súas actividades e a súa vitalidade de maneira natural e sen ataduras, recoñecendo así as liberdades colectivas e consecuentemente o dereito de autodeterminación. Non cabe nesta definición movemento ningún que reivindique a supremacía dun pobo sobre outro nin que intente impor a súa cultura sobre as demais.
No día a día, é común escoitar falar de «nacionalismo español» e mesmo comparar este co nacionalismo galego. O primeiro que teríamos que responder é que non debemos chamar polo mesmo nome dúas ideas contrarias. O que se adoita denominar «nacionalismo español» non é máis que o imperialismo disfrazado na súa forma españolista, xa que o que defende é manter a estrutura dun Estado unitario, capitalista e colonial, como o español; perpetuando así a opresión sobre as nacións que encerra dentro. Mentres que o nacionalismo galego é un movemento liberador que combate a estrutura deste Estado e loita por un mundo no que todos os pobos teñan soberanía. Sería convinte termos clara esta diferencia entre o nacionalismo dunha nación oprimida co «nacionalismo» dunha nación opresora. O primeiro é liberador e o segundo é imperialista.
Nós, as galegas e galegos, vivimos nun país asoballado, sen soberanía, nun país colonizado. A opresión nacional que sofremos ten varias caras: a política, a económica e a cultural. A falta de soberanía política impídenos decidir sobre o noso futuro e moitas das decisións fundamentais son tomadas en Madrid. A nosa lingua e cultura sofren dun desprestixio constante e dunha castración continuada que lle impiden florecer, sofremos unha política de asimilación cultural e lingüística. A actividade económica que se desenvolve no noso país non a decidimos nós, senón que son outros os que deciden sobre a orientación da nosa economía. Non se teñen en conta as necesidades e os intereses de Galiza, senón os do centro capitalista.
Pódese dicir doutra maneira: financiamento autonómico, portaxes, Alcoa, Ence, Altri, minaría extractiva, depredación eólica, eucaliptización, discriminación lingüística, doma e castrazón, espolio fiscal e material, paro xuvenil, salarios máis baixos, éxodo rural, emigración e un longo etcétera reflexo do empobrecemento ao que estamos sometidos. Somos unha colonia.
Partindo da nosa realidade e da necesidade de liberar o noso pobo, o nacionalismo galego defende unha soberanía popular e antiimperialista. Popular porque cando nós falamos de soberanía referímonos á soberanía do pobo traballador, das clases populares, suxeito e motor da soberanía, quen a debe ostentar a nivel político, económico e cultural. E antiimperialista porque é unha ferramenta de liberación que fai retroceder e debilita a globalidade imperialista actual, en canto máis pobos sexan soberanos e non actúen baixo o dominio do imperialismo máis perto estaremos de construír unha orde mundial que garanta verdadeiramente a paz no mundo. Ningunha causa xusta da humanidade nos pode ser allea.
Alí onde existan pobos asoballados polo imperialismo, o nacionalismo representa a defensa da patria asoballada e a loita pola autodeterminación. É o nacionalismo popular e antiimperialista, resultado da dialéctica nunha sociedade concreta, o que fai que as clases populares tomen consciencia na defensa dos dereitos políticos e da soberanía, das loitas social e nacional. É o movemento de enfrontamento e resistencia contra o desclasamento social e polos dereitos económicos, políticos e culturais dos pobos oprimidos, a expresión política da loita antiimperialista, contra os monopolios e as corporacións multinacionais e, en definitiva, o camiño por onde debe pasar calquera alternativa revolucionaria ao sistema capitalista actual.
Podemos entender a loita do pobo palestino sen os valores do nacionalismo? Sen entender que no contexto dunha ocupación colonial e xenocida polo ente sionista a solución se concreta nunha loita pola liberación nacional? É coherente estar en contra da colonización do Sahara ou defender as loitas dos países do Sahel como en Burkina Faso e non defender o dereito á libre autodeterminación dos pobos? É coherente preocuparse pola situación dos armenios e dos kurdos na Turquía, comprender a independencia da Eslovenia, Eslovaquia ou Macedonia e negar o dereito a decidir das nacións do Estado español?
A autodeterminación dos pobos é un fundamento de paz e internacionalismo. O verdadeiro nacionalismo non consiste noutra cousa senón en, como sinalaba Ramón Vilar Ponte, ir directamente á consecución da maior igualdade posíbel entre todas as nacións e construír así unha orde mundial baseada na fraternidade entre os pobos.
Esta afervorada defensa dos dereitos de todos os pobos do mundo, non se pode entender sen o compoñente social. Para nós, os dereitos nacionais son unha extensión e concreción dos dereitos do individuo, por tanto, nunha patria asoballada, a defensa desa patria sempre será lexítima e de carácter progresista.
Hai quen, aínda a día de hoxe, non desiste de repetir o vello mantra de que os obreiros non teñen patria e, por tanto, o nacionalismo só viría a xerar divisións e a impedir a unión entre a clase obreira. Son os mesmos que eliminan o particular co universal. O imperialismo ten unha estrutura mundial, afecta todos os estados (capitalistas e socialistas) dunha forma ou doutra. Mais mesmo dentro dos países capitalistas, non se dá o mesmo tipo de explotación nin as súas consecuencias son iguais, polo que cabe pensar que a superación do sistema non é o mesmo (nin en tempo nin en forma).
Toda sociedade vén determinada polo seu contexto social e pola posición que ocupa dentro do sistema. A nós, como colonia, tócanos ser exportadores de man de obra cualificada e materias primas mentres sofremos os efectos dunha economía extractivista, á vez que padecemos un proceso de substitución lingüística e erradicación cultural. Non se pode negar que a nosa posición no mundo, determinada polas dinámicas do imperialismo, non teña unha sociedade concreta que mudar e unhas formas de explotacións específicas que combater. Pois, por tanto, teremos que nos dotarmos de ferramentas de loita propias, adecuadas á realidade do país e ás súas clases populares, para combatermos o imperialismo. Loita de liberación nacional, loitas antiimperialistas. Curiosamente, quen se opón á unión da liberación social coa nacional e quen nega as realidades nacionais, querendo ser o máis ortodoxo revolucionario, convértese no cómplice sostén dos estados capitalistas actuais.
O verdadeiramente revolucionario a día de hoxe é pararse a analizar a realidade que temos diante e ver cal é a mellor maneira de camiñar cara a un mundo mellor, máis xusto e máis humano. A defensa da soberanía dos pobos é o primeiro e máis fundamental paso para a construción de sociedades máis xustas. Como nacionalistas queremos transformar o mundo partindo da nosa realidade concreta, por iso dicimos que nada humano nos é alleo, que ningunha causa xusta nos é allea.