Nacionalismo para que no concello a veciñanza decida

Rubén Fernández Vilariño é o candidato á alcaldía de Bande polo BNG Asembleas Abertas. Nado en Pereira (Bande) en 1987, é estudante de conservación-restauración de bens culturais e patrimoniais e actualmente está rematando unha especialidade de documento gráfico en Asturias.

-Por que decidiches presentarte como candidato á alcaldía de Bande?

-Preséntome por que a xente nova precisa ter representación no concello xa que é ninguneada constantemente, proba disto a masiva fuxida de mozas e mozos de Bande ás cidades e ao estranxeiro. Ademáis para darlle a volta ás prácticas de amiguismo do concello e abrir o concello á veciñanza e que sexa suxeito activo coa e para a cidadanía.

-Por que o proxecto do nacionalismo é necesario para Bande?

-É preciso o proxecto do nacionalismo galego en Bande para crear un concello onde a veciñanza se sinta partícipe do que fai o concello e que vexan nel un lugar para resolver os seus problemas máis esenciais, para participar con ela na creación de emprego, no apoio a actividades culturais que estimulan o emprego…

Tamén a posta en valor do patrimonio e do medio ambiente debe ser axial na nosa actividade no concello e traballar na prevención continua para o cal crearemos un departamento específico que supón aforrar en intervencións de urxencia que finalmente se teñen que levar a cabo por desidia e desleixo cara o que temos. É necesario que o BNG sexa recoñecido pola veciñanza e apoiado para levar a cabo unha actividade  de racionalización de recursos e da economia do concello que repercuta na creación de postos de traballo e formación. Por exemplo, eliminar os soldos exacerbados e a falta de consideración con situacións de dependencia de moitas veciñas e veciños.

-A comarca de Celanova, e en especial Bande, sofren un grande avellantamento poboacional. A que se debe e como se pode reverter? e a nivel municipal que se pode facer?

-Levamos décadas desgobernados polos mesmos en Bande, con actitudes pouco democráticas e imparciais á hora de xestionar os recursos e das contratacións públicas. Durante todos estes anos Bande non fixo máis que perder poboación até tocar o chan.

A soberanía supón, en esencia, entender a democracia e practicala e para elo temos que transformar o concello co potencial que temos, fundamentalmente a xente, e a xente maior síntese abandoada, o seu concello non mira por ela, esta xente precisa facer cousas, son maiores pero xente activa, con ilusión e precisan que conten con ela para actividades e obradoiros todo o ano que, ademáis faremos isto extensible á mocidade para que elo derive en postos de traballo estables e que estean relacionados coas necesidades fundamentais do concello, como a posta en valor do medio ambiente, do comercio, do sector agroganderio, apicultura,..etc