Nadal, tempo de consumismo e precarización. Artigo Alba López

Alba López nun mitin
Alba López é Responsábel Comarcal da Montaña

As luces do Nadal iluminan as rúas do noso país, unhas luces que cada ano son acendidas antes; haberá xente que pense que isto acontece para poder desfrutar máis tempo destas datas, mais na miña opinión a realidade é máis ben outra. Ou acaso é casualidade que os doces natalicios cheguen xa en setembro aos supermercados? Ou que os escaparates se enchan de roupa e accesorios brillantes e festivos meses antes do Nadal?

O sistema capitalista no que vivimos aproveita estas datas para crear no noso imaxinario necesidades, facendo que parte da sociedade adopte condutas consumistas; é dicir, que compremos cousas porque si sen que estas sexan esenciais para nós. En boa parte, é por este motivo que as multinacionais, principalmente, adiantan as datas do Nadal para garantir que os seus produtos estean á venda durante un período máis longo de tempo. Así mesmo, foron estas empresas foráneas as que impuxeron na nosa sociedade tradicións fundamentalmente americanas como pode ser o Papá Noel. Fixérono vendéndonos momentos de ilusión e esperanza, que ocultan un sistema capitalista que oprime e manipula a nosa sociedade posto que, se nos poñemos a pensar en personaxes coma este, o primeiro que se nos vén a cabeza son os agasallos. Estes, ademais de nos faceren comprar cada vez máis, tamén fan que as desigualdades sociais sexan cada vez máis visíbeis. Só precisamos pensar nunha aula dunha escola o primeiro día despois das vacacións do Nadal, haberá crianzas que cando lle pregunten que lle regalaron poderán dicir unha longa lista de presentes; porén, haberá outras que só dirán un regalo ou que se vexan obrigadas a mentir para non sentirse inferiores ante as súas compañeiras de aula. Así mesmo, isto fai que teñamos unha sociedade cada vez máis materialista, que lle dá máis importancia aos bens materiais que aos bos xestos. Outro exemplo de consumismo que a día de hoxe está moi de moda son os calendarios de advento, as grandes empresas empregaron estes elementos para vendernos cousas totalmente innecesarias na nosa vida e que probabelmente non empregaremos nunca e as gardemos en calquera caixón dos nosos fogares. A propaganda consumista das multinacionais fíxonos pensar que os bos agasallos só están nas súas tendas, facendo que a sociedade acuda en masa ás cidades mercar e esquecendo o comercio local, porque parece importarnos máis o que haxa debaixo da árbore de Nadal a que cada vez sexan máis os pequenos comercios que teñen que pechar as súas portas.

O Nadal tamén esconde a precarización da clase obreira, só precisamos entrar en calquera páxina de ofertas laborais para ver como se multiplica o número de empregos. Porén, estes sempre son temporais e inestábeis, nos que abundan as horas extras que posibelmente non sexan remuneras. Son as mozas do noso país as que se ven forzadas a acceder a estas ofertas de emprego, confirmándonos unha vez máis que a mocidade galega é cada vez máis precaria e máis pobre. E mentres a precarización laboral aumenta, tamén o fai a suba descontrolada dos prezos de alugueiro ou o número de mozas galegas que se ven obrigadas a coller as maletas e emigrar porque no noso país non hai oportunidades de empregos dignos. Está claro que o Nadal vai collido da man do consumismo e da precarización, é por iso que as mozas galegas teremos que gardar a esperanza e a ilusión para cando se produza un cambio no noso país e na nosa sociedade. Mentres que isto non mude, os nosos desexos de aninovo seguirán sendo termos unha vivenda digna e accesíbel, termos oportunidades laborais no país que nos viu nacer nas que non sexamos precarizadas, podermos emanciparnos, vivirmos nunha sociedade igualitaria, termos máis mes ca salario ou que as 200 000 mozas galegas que se viron obrigadas a emigrar collan as maletas non para vir pasar o Nadal, senón para voltar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *