Na loita constante por acadar os nosos dereitos e por frear todos os tipos de violencias machistas, os espazos de lecer son uns deses territorios que precisamos conquistar pare rachar con todas as adaptacións que patriarcado realizou para sobrevivir neles con boa saúde. Nas festas e, nomeadamente, no entroido, vemos cada ano como acontecen numerosas agresións. É innegábel que se nos arrebatou o espazo público e se nos obrigou a sentir inseguridade nas rúas que tamén nos pertencen. Aspiramos a garantir a liberdade e crebar o medo, mais mentres iso non acontece é necesario dotármonos de ferramentas e estratexias para combater as agresións. 

Acreditamos en que o primeiro paso para facerlle fronte é recoñecelas. Sabemos que estas poden ser físicas, como o acoso con tocamentos non consentidos, as agresións sexuais e violacións, os golpes por non ser heterosexual… mais tamén psicolóxicas, por medio de presións, humillacións, insultos, desprezos ou piropos indesexados. Despois de sufrir unha agresión, unha gran parte da sociedade ocúpase de culpabilizar á vítima. A outra parte sabemos que non hai xustificación posíbel para unha agresión: non é por levar un disfrace demasiado curto, non é por saír de noite soa, non é porque bebese alcol, non é por bicarse en público. A culpa é unicamente do agresor ou agresores e é tarefa de todas sinalar o acontecido e facer que as persoas atacadas se sintan comprendidas e protexidas. 

Encarando as súas agresións, tezamos redes de solidariedade e de empoderamento, non deixemos que ningún agresor sen castigo nin sen resposta colectiva. Non deixemos tampouco que as máscaras e disfraces lles sirvan de tapadeira e lles faciliten as agresións por ocultar a identidade. O entroido é noso.

Queremos unhas festas populares nas que desfrutar libres e seguras!

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *