O Goberno de Feijoo afanouse en abandonar as políticas para garantir o acceso á vivenda. Os continuos recortes orzamentarios practicados nas políticas de vivenda provocaron un descenso do 85% nos fondos destinados ao acceso á vivenda e do 50% nos programas de rehabilitación. Así mesmo, desbotou calquera iniciativa de intervención no mercado da vivenda que rematase cos actuais condicionantes que impiden un acceso igualitario á vivenda, sobre todo da xente máis nova e das persoas con menos recursos económicos. A política en materia de vivenda do PP aliñouse coa estratexia das grandes promotoras e empresas inmobiliarias, consistente en ter como obxectivo fundamental favorecer a saída do stock inmobiliario de promotoras e bancos sen abaratar o prezo da vivenda, abandonando estímulos para o acceso a vivenda con esquemas de protección pública, ademais de pechar as portas ao fomento da rehabilitación.
Por outra banda, a existencia de vivendas baleiras, nunha parte titularidade de entidades financeiras que recibiron rescates públicos con inxentes fondos, debería converterse na oportunidade para mobilizar ese parque dun xeito prioritario, ben a través do aluguer o do acceso en propiedade, a prol dos colectivos que máis dificultades teñen no acceso á vivenda. Porén, o goberno de Feijoo desaproveitou esa oportunidade, e segue habendo moitas persoas para as que ter unha vivenda digna, no canto dun dereito que debería estar garantido polos poderes público, é en realidade un ben inaccesíbel.
Para o BNG é prioritario intervir no eido da vivenda, dado que o dereito a unha vivenda digna é inherente á condición humana. Ademais, para evitar que se manteña a contradición da existencia dun importante parque de vivendas baleiras con persoas que non teñen garantido o dereito á vivenda e mesmo con persoas que, por mor das dificultades económicas, mesmo se ven expulsadas e obrigadas a perder a vivenda sen ter alternativas para manter un ben habitacional digno.
As medidas que emprenderá o BNG a prol dunha política social de vivenda serán:
—Reclamar unha reforma da lexislación hipotecaria para admitir a dación en pagamento retroactiva e como liquidación e condonación total da débeda hipotecaria, así como para introducir a prohibición de desafiuzamento cando a vivenda sexa destinada a residencia habitual.
—Exixir a entidades financeiras e inmobiliarias que para o acceso a axudas e incentivos públicos en materia de vivenda en Galiza acepten a dación en pagamento con liquidación das débedas hipotecarias.
—Establecemento dunha liña de avais que cubran os impagos temporais das cotas derivadas dos préstamos subscritos polos adquirentes de vivendas protexidas, así como as promovidas ou rehabilitadas para uso propio ou para aluguer.
—Crear un organismo público de vivenda social en alugueiro, desde a administración galega en colaboración cos concellos, para administrar e xestionar vivendas baleiras para polas a disposición de persoas con dificultades de acceso á vivenda.
—Constitución dun Fondo Social da Vivenda como instrumento financeiro público ao servizo da desenvolvemento de políticas de vivenda, e que terá como principais beneficiarios aos colectivos con maiores dificultades no seu acceso.
—Demandar a transferencia a Galiza dos activos inmobiliarios da SAREB (“Sociedade de Activos procedentes da reestruturación bancaria” ou “banco malo”), asumindo desde os órganos competentes en materia de vivenda a xestión e administración daqueles activos consistentes en vivendas ou solo urbanizábel para constituír unha bolsa de vivenda pública en Galiza que permita a posta a disposición de persoas e colectivos máis desfavorecidos, dun xeito especial para a mocidade.
—Impulso á rehabilitación de vivendas e espazos degradados de vilas e cidades como fórmula de acceso á vivenda, evitando a proliferación de polígonos de vivenda protexida onde hai vivendas desocupadas.
—Desenvolvemento dunha política de fomento da conservación de vivendas no medio rural que sirva para potenciar o acceso a vivendas dignas nos concellos de menor poboación e contribuír a fixar poboación.
—Implementación de medidas fiscais que desincentiven o mantemento de vivendas baleiras. Adopción de medidas lexislativas desde Galiza para que definir xurídicamente o concepto de “vivenda baleira”, de xeito que os concellos poidan aplicar legalmente recargos no IBI ás vivendas desocupadas.