Galiza Nova chama á mocidade galega a mobilizarse e participar nas manifestacións que percorreran Galiza na xornada internacional dos pobos contra a Troika deste sábado 1 de xuño.
Sae á rúa este 1 de xuño contra a ditadura da Toika (FMI, Banco Central Europeo e Comisión Europea) que coa complicidade do goberno galego e estatal está a condenar á mocidade galega ao éxodo masivo e á perda de dereitos sociais e laborais.
Actualmente a taxa de desemprego xuvenil na Galiza supera xa o 50% e cada día emigran fóra do noso País 70 moz@s en busca de oportunidades laborais inexistentes na nosa terra, como consecuencia das medidas impostas pola Troika e o PP, que o único que producen é máis paro e precariedade xuveníl ao tempo que precarizan o pouco traballo existente.
Desde a nosa organización chamamos á mocidade a mobilizarse contra a Europa da ditadura dos mercados e pola soberanía para Galiza como a alternativa necesaria e urxente para construírmos un novo modelo económico e social xusto e igualitario con futuro para a mocidade.
Mobilízate o 1 de xuño e acode con Galiza Nova ás manifestacións convocadas. Rebélate contra a Troika, contra o roubo, para conquistarmos os nosos dereitos e defendermos un futuro digno para a mocidade na nosa terra!
Aquí tes os horarios e lugares das mobilizacións confirmadas:
–A Coruña: Praza de Pontevedra ás 19h.
-Lugo: Parque Frigsa ás 12h.
–Ourense: Parque San Lázaro ás 19h.
-Santiago: Praza Roza ás 18h.
–Vigo: Praza dos Cabalos ás 12h.
–Ribadeo: Praza de Abaixo ás 12:30h.