Após 4 anos de paro internacional de mulleres e décadas de reivindicación desta data, encontramos no 8 de Marzo un día no que conflúen todas as expresións concretas que ten a nosa loita diaria contra o patriarcado: desde reivindicacións laborais ou da esfera produtiva ata os coidados ou esfera reprodutiva. Este ano, esta data vén tamén marcada pola situación pandémica mundial que supuxo unha regresión nas vidas das mulleres, tanto a nivel laboral como social.
A situación pandémica acentuou a precariedade laboral das mulleres galegas, quen foron sostén da sociedade durante a pandemia e o confinamento por ser os postos de traballo máis feminizados os considerados “de primeira liña”: coidados, enfermaría, limpeza, caixeiras de supermercado…
Por todo isto, desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova consideramos que é crucial reivindicar o carácter combativo co que naceu hai máis de 150 anos o 8 de marzo. A campaña vaise inserir nun marco centrado no país e na clase traballadora galega, elementos que son indivisíbeis na loita pola emancipación das mulleres e por unha sociedade máis xusta e igualitaria.
O obxectivo da campaña de é lanzar un chamamento ás mozas galegas para que se impliquen non só nas mobilizacións 8 de marzo, senón todos os días no movemento feminista.