No 40 aniversario da proclamación da República Árabe Saharaui Democrática (RASD) desde Galiza Nova queremos amosar o noso apoio e solidariedade ao pobo do Sáhara na súa loita polo dereito de autodeterminación e a conquista da súa soberanía nacional. Neste senso, sumámonos ás moitas voces que recoñecen a RASD e o Frente Polisario como único e lexítimo representante do pobo saharaui. Ademais, exiximos a devolución da terra ocupada ilegalmente por Marrocos así como o cesamento do expolio que este estado mantén sobre os recursos económicos saharauis.
Sinalamos, así mesmo, a responsabilidade directa do Estado español no mantemento da colonización do Sáhara Occidental e a súa complicidade, xunto coa da chamada comunidade internacional, na violación constante e impune de dereitos humanos á que se ve sometido o pobo saharaui, non só nos campamentos de persoas refuxiadas senón tamén nos Territorios Ocupados.
O Estado español, como potencia aínda administradora do Sáhara ten a obriga de garantir que o dereito á libre determinación do pobo saharauisexa respectado e cumprido como dereito inhalienábel que é de calquera pobo. Máis se cabe, tendo en conta que as Nacións Unidas o recoñeceron en numerosas ocasións através de distintas resolucións da Asemblea Xeral e coa creación, en 1991, da MINURSO.
Neste senso, sinalamos a incapacidade manifesta das propias Nacións Unidas para facer valer o dereito internacional, toda vez que hai 15 anos que ten a responsabilidade de crear un censo de poboación de cara ao referendo de autodeterminación que, arestora, aínda non foi fechado.
Desde Galiza Nova, de acordo coa nosa natureza e vontade internacionalista, amosamos todo o noso apoio e compromiso coa loita do pobo saharaui e de todos os pobos do mundo que resisten e combaten cada día o colonialismo e o imperialismo.
Sáhara Hurra!