No ano 2018, unha xornada de folga e mobilización ao longo e largo do país polo Día da Muller Traballadora mostraba un movemento feminista forte disposto a derrubar o patriarcado e a liberar as mulleres das cadeas dun sistema capitalista que fai da nosa explotación o seu beneficio.
Nos sete anos que seguiron, o propio sistema contra o que loitamos as mulleres comezou a fagocitar e apropiarse desta data. As multinacionais comezaron a empregar o noso día como unha data para o lanzamento de promocións e ofertas comerciais. Personaxes tan pouco sospeitosas de pertencer á clase traballadora como a raíña Letizia, Sandra Ortega ou Ana Patricia Botín reivindicando a data como propia. Paulatinamente, o sistema capitalista foi eliminando a compoñente de clase do 8M, reducíndoo exclusivamente ao «Día da Muller».
Paralelamente, o sistema capitalista voltou estar cada vez máis protagonizado pola extrema dereita. Unha moi preocupante vaga reaccionaria ameaza xa non só a consecución de máis dereitos para as mulleres, senón que propón un retroceso nos xa acadados. O cuestionamento do dereito ao aborto ou o fenómeno das tradwifes, que busca relegar a muller ao traballo doméstico non asalariado e á dependencia económica do seu marido, son exemplos disto. Ademais, esta vaga reaccionaria introduciu discursos da extrema dereita no propio movemento feminista, mesmo en sectores a priori progresistas. A LGTBfobia do movemento TERF contra as mulleres transexuais ou o punitivismo como receita para a contención da violencia machista son síntomas da introdución do capitalismo máis reaccionario no feminismo.
Entre tanto, as mulleres continuamos a ter os salarios máis baixos, os empregos en peores condicións e máis precarios, as cargas máis elevadas de traballo doméstico e as consecuencias máis graves da migración á que nos empurra este sistema; causas dunha capacidade de independencia económica e emancipación feminina moi reducidas.
Por iso, este 8M e todos os días do ano berraremos e reivindicaremos a nosa loita contra o patriarcado e o capital. Nós non buscamos, como Sandra Ortega ou Ana Botín, facer lucro das explotadas. Nós queremos un emprego digno, un salario digno, unha vivenda digna e, en definitiva, unha vida digna para poder ficar no noso país.
Nós queremos ser mulleres libres na Galiza liberada.