No Día Mundial de Apoio a Kobane, desde Galiza Nova queremos manifestar máis unha vez toda a nosa solidariedade e apoio ao pobo kurdo na súa loita pola liberdade fronte aos estados que ocupan e reparten o seu territorio, e enviamos unha forte aperta internacionalista ao pobo kurdo que na cidade de Kobane venceu heroicamente e segue resistindo ao Estado Islámico.
Como nacionalistas, apoiamos ao pobo kurdo e denunciamos a hipocrisía dos Estados occidentais e da comunidade internacional, que organizan unha coalición militar para combater o EI pero abandona a súa sorte ao pobo kurdo, como xa é habitual.
O imperialismo, leva moitos anos querendo controlar unha zona de gran importancia estratéxica e abundante en recursos como é o Oriente Próximo. Para tal fin, teima en pretender a desestabilización desta zona a través da invasión e ou do finaciamento e lanzamento de revoltas que, a través dos medios, visten de populares. Así, os Estados Unidos, a Unión Europea e o estado de Israel, entre outras potencias capitalistas como Arabia Saudita, participaron no financiamento e lanzamento do Estado Islámico (ISIS), que agora se tornou nunha “perfecta escusa” para a invasión e dominio da zona.
Turquía, aliado fiel dos Estados Unidos, emprega todo tipo de recursos, incluída a violencia e a vulneración dos dereitos humanos co que impediu que a poboación kurda que reside en Turquía acudise en axuda de Kobane, atacando con balas e gases lacrimóxenos ás milicias kurdas que defenden esa cidade.
Galiza Nova, defensora da soberanía nacional para Galiza, asume tamén a loita de todos os pobos do mundo pola liberdade, incluída a aspiración do pobo kurdo a un kurdistán libre, democrático e unido.