Nestes últimos meses estamos vivindo na Galiza un aumento do españolismo que unicamente ten como finalidade contrarrestar os movementos de liberación nacional que loitan pola liberdade dos pobos dentro do estado español e polo dereito á autodeterminación.
Vemos como o fascismo toma as rúas, os comercios se enchen de bandeiras españolas e se gasta diñeiro público en facer propaganda da unidade de España. Se isto fora pouco, en varios puntos do país estanse organizando xuras de bandeira e actos públicos que unha vez máis se financian con diñeiro do pobo galego.
No caso de Noia utilízase como escusa o 850 aniversario da vila. A vila de Noia fúndase no 1168 cando o Rei de Galiza e Castela Fernando II lle concede o foro municipal a Noia. Dito Rei aparece recollido nos “Anales Camaracenses”, unha das fontes máis prestixiosas da historia medieval europea, co título de Fernando II “Emperador de Galicia”. Polo tanto, un Rei galego de Castela que nada ten que ver nin con España nin con nada que se lle pareza.
Alén destes feitos, a bandeira española, a cal vai xurar o persoal civil de Noia, é unha invención do século XVIII. Polo tanto, para conmemorar o nacemento da vila de Noia vaise xurar unha bandeira que aparece 600 anos despois.
Todo isto acontece mentres a nosa bandeira é censurada a diario en todo tipo de espazos públicos.
Dende Galiza Nova témolo claro, Galiza nunca será España. É intolerábel que nos enganen e manipulen desta maneira. Por esta razón imos organizar este 19 de maio unhas xornadas reivindicativas nas que homenaxearemos as figuras importantes para o nacionalismo galego da nosa comarca.
FRONTE AS XURAS DE BANDEIRA ESPAÑOLA ERGAMOS A BANDEIRA DA PATRIA GALEGA!