Non á criminalización e vulneración de dereitos

12188767_906620759407369_1828739339_nAo fío das detencións acontecidas durante a xornada de hoxe no noso País, desde Galiza Nova queremos amosar a nosa solidariedade e o rexeitamento á campaña política e mediática de criminalización que se está a desenvolver e a vulneración de dereitos que están a padecer as persoas detidas ao se lles aplicar a inxusta lei antiterrorista española. Expresamos a nosa máis fonda preocupación e rexeitamento á campaña mediática de criminalización que, após o seu apresamento, iniciaron os medios de comunicación sistémicos. Unha campaña que visa, en última instancia, criminalizar o movemento soberanista galego.

Nas últimas horas foron vulnerados cuantiosos dereitos que se presupoñen inherentes a calquera persoa producíndose mesmo significativas faltas de rigor xornalístico.

O dereito á intimidade e á presunción de inocencia debe ser respectado -e garantido- en todas as ocasións. E máis naqueles casos, coma este, onde os feitos adquiren especial relevancia mediática e son empregados, en non poucas ocasións, cun marcado e claro obxectivo político.

Neste senso, amosamos -como xa temos feito en anteriores ocasións- o noso firme compromiso na defensa dos dereitos humanos. Motivo polo que non podemos máis que alertar da clara indefensión na que se atopan, arestora, as nove persoas arrestadas de serlles aplicada a denominada Lei antiterrorista. Un marco xurídico excepcional que, como confirman os sucesivos informes elaborados polo Comité europeo para a prevención da tortura e outras institucións internacionais como as Nacións Unidas, supón unha vulneración dos dereitos da persoa detida. Así é que amosamos o noso rexeitamento e demandamos a derrogación deste entramado xurídico-normativo en aras de garantir o dereito á lexítima defensa, o dereito á tutela efectiva e ás debidas garantías procesuais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *