Non á eucaliptización de Galiza. Ence Fóra da Ría

Co gallo da celebración dos días internacionais dos bosques e da auga, 21 e 22 de marzo, dende Galiza Nova queremos denunciar o estado en que ENCE deixou os montes e as rías galegas dende a súa instalación na ría de Pontevedra.

A elevada porcentaxe de superficie arborada de eucaliptos en Galiza enténdese se sabemos un pouco da historia da fábrica de pasta de papel ENCE. Instalada na ría de Pontevedra polo goberno franquista dende 1958 e privatizada completamente dende 2001, esta empresa pasteira converteu Galiza nun País de plantacións de eucalipto. O País galego pasou de ter 40.000 ha de eucaliptos en 1987, a 500.000 ha na actualidade, o cal supón un 17% de todo o territorio galego. En trinta anos aumentaron en máis de 460.000 ha de eucaliptos, en detrimento do solo agrario, do cal se perderon arredor de 290.000 ha.

A hexemonía do grande capital consolídase na Galiza con medidas como a desregularización do sector da biomasa promulgada polo Partido Popular, dándolle vía libre a empresas como ENCE para seguir enchendo o País de cultivos enerxéticos e invasores como o eucalipto, o liquidámbar, o bambú ou a acacia. Ao mesmo tempo seguirán a diminuír a superficie forestal de árbores autóctonas e a superficie agrícola e gandeira.

A isto sumáselle a prorrogación da concesión de permanencia da fabrica pasteira na ría de Pontevedra durante outros 60 anos, clara sentenza de morte para a ría e para Galiza, e mostra de que os gobernos galego e español non teñen en mente pórlle freo á expansión das plantacións de eucalipto.

A maiores, aínda que o Comité científico co Ministerio español do ambiente recoñece que Eucaliptus nitens é unha especie exótica en expansión, con alto risco de invasión e perigosa para a biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas, a especie non está rexistrada no catálogo estatal de especies invasoras. Isto fai que non se prohiba a súa plantación e que cada vez ocupe máis territorio galego.

A falta de medidas do goberno galego similares ás ratificadas en países como Portugal, onde se conxelará a superficie de plantación de eucalipt ata o ano 2013, supón un condicionamento do sector agrario e, polo tanto, un condicionamento do futuro da mocidade na Galiza.

O peche de ENCE é a única vía de supervivencia da ría de Pontevedra e dos montes galegos. Polo futuro da mocidade galega, polo futuro dos ecosistemas galegos, e para que as vindeiras xeracións disfruten deles, é necesaria outra política forestal.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *