Galiza contra a guerra en Siria!

Galiza Nova participa da Plataforma Galiza contra a guerra! Do mesmo xeito, participa das mobilizacións convocadas ao longo do país para rexeitar unha previsíbel nova intervención imperialista, desta volta, en Siria. Podes botarlle aquí un ollo á parte das imaxes das concentracións nas que participamos.

Manifesto: Non á intervención imperialista en Siria, Galiza contra a guerra!

O ataque militar previsto en Siria é máis un paso na estratexia imperialista e de reapropriación colonial que as grandes potencias occidentais e as monarquías ditatoriais de Oriente Medio teñen desenvolvido na rexión nestes dous últimos anos. Estamos diante da construción dunha nova mentira, como a do Iraque, para xustificar unha catástrofe humana.

É unha estratexia xenocida e criminal, pois non dubida en levar o pobo sirio ao abismo para impor os seus intereses económicos e políticos. Ábrese, ademais, a caixa de Pandora dunha situación de consecuencias imprevisíbeis que amezan incendiar aínda máis toda a rexión, e para alén dela.

Diante disto, as organizacións sociais, políticas, sindicais, culturais e cívicas que asinan este manifesto:

1. Rexeitamos a intervención militar imperialista en Siria e defendemos a negociación política para lograr a resolución dos conflitos, respectando sempre a soberanía dos pobos.

2. Consideramos que os EUA e os seus aliados están a fabricar mediante a manipulación e a propaganda unha nova mentira para xustificar o ataque, de igual xeito que con anterioridade fixeron coas supostas armas de destrución masiva no Iraque.

3. Sostemos que se trata doutra agresión imperialista que, alén diso, é totalmente ilegal ao contravir o dereito internacional, non ter autorización do Consello de Seguranza da ONU nin contar co visto e prace de ningún organismo internacional.

4. Exiximos ao Estado español que non participe nin dea cobertura á operación militar, e censuramos a falta de vontade para artellar mecanismos que posibiliten a resolución negociada dos conflitos e a convivencia dende o respecto á soberanía dos distintos pobos da rexión.

5. Demandamos a retirada do territorio nacional das instalacións españolas e norteamericanas implicadas nas sucesivas agresións imperialistas.

6. Denunciamos a disposición dos gobernos imperialistas da OTAN e da UE a dilapidar inxentes recursos económicos nunha nova aventura militar ao mesmo tempo que brutais recortes sociais e laborais son impostos á clase traballadora coa excusa da crise, dos déficits públicos e do aforro orzamentario.

7. Finalmente, chamamos o pobo galego a expresar na rúa a súa oposición a esta nova agresión imperialista participando nas concentracións e protestas que se convocarán por todo o país contra a intervención militar.
Asinan: Adega, Adiante – Mocidade Revolucionaria, Agir, Asociación Cultural O Galo, Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Associaçom Galega de Amizade com a Revoluçom Bolivariana, Bloque Nacionalista Galego, Briga, Causa Galiza, Ceivar – Organismo Popular Anti-repressivo, Comités, Confederación Intersindical Galega, Federación Rural Galega, Fundación Moncho Reboiras (Fesga), Galiza Nova, Gentalha do Pichel, Isca!, Liga Estudantil Galega, Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, Movimento Continental Bolivariano — Capítulo Galiza, Nós-Unidade Popular e Partido Comunista do Pobo Galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *