Non á represión! Absolución para os 3 estudantes

Galiza Nova denuncia o xuízo político a tres estudantes que terá lugar o vindeiro 10 de novembro por mobilizárense fronte á LOMCE, os recortes en educación e a privatización. Mediante un escracho a Feijóo e o Conselleiro de Educación na súa visita á USC o 23 de outubro, estudantes erguéronse en defensa do ensino público, galego e democrático.

A pesares de seren as e os estudantes quen resultaron agredidas e empurradas polas forzas da orde, tres estudantes resultaron detidos con acusacións de “atentado a autoridade”, “lesións” e “desordes públicas”, solicitando a Xustiza entre 7 anos e medio e 9 de cadea de prisión e máis unha sanción económica en concepto de indemnización.

Solidariedade con Aarom, Mario e Atanes!

Eis a política represiva do estado español, coa que pretende implantar a doutrina do medo entre a mocidade galega para crear un povo submiso. Por iso, desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, queremos transmitir toda a nosa solidariedade co estudantado sancionado e agredido e denunciamos a actuación das forzas policiais e da acusación que nos fan revivir o pleno franquismo.