Galiza Nova apoia ás traballadoras e traballadores da empresa Extel, que este xoves 6 de outubro comezan un paro para loitar contra un ERE que ameaza co despedimento de máis de 200 traballadoras e traballadores en Galiza.
Os centros de chamadas son subcontratas que prestan servizos telefónicos a grandes compañías ou administracións públicas. Neste caso, Extel xestiona o servizo de atención ao cliente 1004 de Telefónica Movistar.
Co obxectivo de incrementar os seus xa abultados beneficios, Telefónica Movistar mercadea co emprego nos centros de traballo, cambiando de proveedores para reducir os seus custos e deslocalizando a producción a países estranxeiros.Esta política de Telefónica levou a que a empresa Extel presentase un ERE que pode supoñer o despedimiento de 205 traballadoras e traballadores na plataforma de A Coruña.
O dos centros de chamadas é un sector moi feminizado e conta cunha ampla presenza de mocidade. Nel, a maior parte dos contratos son temporais e a tempo parcial, polo que se trata de empregos mal retribuídos. Esta situación non é nova para a mocidade nin para a clase traballadora galega. No ano 2015, o 92,61% dos contratos asinados no noso País foron temporais. Por iso, como organización xuvenil do BNG, reivindicamos un marco galego de relacións laborais e concretamente un convenio galego para o sector dos centros de chamadas. Reivindicamos pois a capacidade do noso pobo de decidir por si mesmo, de xeito que o noso traballo e a nosa riqueza reverta sobre a propia Galiza, garantindo un país con igualdade e futuro para a súa mocidade.
NON Á DESLOCALIZACIÓN DO SERVIZO DE ATENCIÓN AO CLIENTE DE TELEFÓNICA MOVISTAR.
NON AO ERE EN EXTEL!