Como nos agrede o TTIP?

O TTIP (Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos) e o CETA (Acordo Económico de Comercio Global) son dous acordos que EEUU e Unión Europea negocian en segredo e que, de se aprobar, suporán un golpe brutal á soberanía dos estados, ao quedar esta supeditada aos intereses e beneficios das empresas multinacionais e que provocarán un retroceso sen precedentes nos nosos dereitos económicos, sociais e ambientais máis elementais.

O Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP) non é só un acordo comercial, é un novo tratado fundacional ao servizo das corporacións transnacionais

O novo modelo de tratado de libre comercio que se está negociando entre a Unión Europea e Estados Unidos desde xuño de 2013, coa intención de crear a zona de libre comercio maior do mundo, ten como principais obxectivos chegar a un acordo que entre permita a superación da soberanía das nacións igualando as multinacionais xuridicamente cos estados, impoñer un modelos socioeconómico que non poida poñer atrancos ás cobizas de poder social e económico das castes neoliberais a través de organizacións antidemocráticas, Fondo Monetario Internacional, Banco Mundial, Organización Mundial de Comercio, Institucións chave para o proxecto neoliberal.

Que se pretende?
Eliminar as barreiras arancelarias entre os dous socios e as barreiras regulamentarias -as normativas básicas en materia social, ambiental…- que limitan a acumulación de riqueza das grandes corporacións.

Por que agora?
EEUU e a Unión Europea están perdendo poder económico e político, e outros países, especialmente China, estanos a desprazar como maiores economías, exportadores e provedores de investimento estranxeiro directo. O TTIP pretende, xa que logo, consolidar os intereses xeopolíticos e recuperar o poder e o protagonismo de ambas as potencias, declarando unha guerra comercial a países terceiros.

Quen e como se está a negociar?
De xeito formal, por parte da Unión Europea é a Comisión Europea quen ten o mandato das negociacións; e da outra, o propio Goberno de EEUU. Porén, desde a súa orixe, son os grandes lobbies empresariais dun lado e outro os que presionan e participan de xeito activo nelas: industria automobilística, farmacéutica e agroalimentaria, empresas de servizos, bancos, fondos de investimento…

As negociacións, ademais, están producíndose de costas á poboación, cun alto carácter secreto sobre o seu contido, e sen participación e apenas consulta á cidadanía, e mesmo con moita desinformación cara aos Gobernos dos países da propia UE.

Que regulará?
Dado que os aranceis entre a UE e EEUU son xa moi baixos, este novo modelo de tratado céntrase na liberalización de todos os sectores e en conseguir unha harmonización lexislativa, é dicir, unificar leis a ambas as beiras do Atlántico, co fin de reducir custos e “atrasos innecesarios” para as corporacións.

Un capítulo especialmente polémico é o da protección dos investimentos, polo cal calquera investidor privado internacional pode desafiar, ante tribunais internacionais pouco transparentes, calquera lexislación (ambiental, laboral ou social) que interfira cos seus beneficios. Por exemplo, unha moratoria ao fracking (técnica moi contaminante de extracción de petróleo ou gas) ou unha regulación sanitaria de sustancias tóxicas poden ser obxecto de demandas aos Gobernos.

Que vai supor?
Afondar nos recortes nos dereitos laborais, xustificados pola redución de custos e baseados na política antisindical de EEUU (que non ratificou convenios da OIT) e nas reformas laborais impostas pola Troika [http://www.troikaparty.eu] (Comisión Europea, FMI, BCE).

A liberalización de cada vez máis sectores económicos afondará nas privatizacións de servizos públicos, cuxas consecuencias xa son coñecidas. A harmonización lexislativa á baixa, aplicando a lexislación máis beneficiosa para as grandes corporacións afectará a:

Políticas ambientais e do dereito á saúde: flexibilizarase o uso do fracking, aumentarase a produción e venda de transxénicos, o uso de toxinas e substancias perigosas, entre outros, que contan con lexislación máis favorábel en EEUU.

A agroindustria verase favorecida en detrimento das pequenas explotacións máis sustentábeis, e xa que logo resentirase a soberanía alimentaria e a calidade na alimentación.

Resumo. O Acordo TTIP é un extenso tratado sobre libre comercio e investimento que están negociando (en segredo). O obxectivo é levar a cabo as conversas o máis rapidamente posíbel e sen que os detalles cheguen á opinión pública, coa esperanza de poder pechar as negociacións antes de que a cidadanía en Europa e EE.UU. descubra a verdadeira envergadura da ameaza que supón o TTIP.

Como xa admitiron funcionarios de ambas as partes, o obxectivo principal do TTIP non é estimular o comercio eliminando aranceis entre a UE e os EE.UU., pois son tan baixos que apenas poden reducirse xa. A súa principal finalidade é, como eles mesmos recoñeceron, eliminar as “barreiras” reguladoras que limitan os beneficios potenciais das corporacións transnacionais nas dúas beiras do Atlántico.

Estas “barreiras” son en realidade algunhas das nosas normativas máis prezadas en materia de dereitos sociais e medio ambiente, como os dereitos laborais, as normas de seguridade alimentaria (incluídas as restricións aos OXM), o ensino, a sanidade, as regulacións sobre o uso de substancias químicas tóxicas, as leis de protección da privacidade en internet e mesmo as novas garantías no ámbito bancario introducidas para previr outra crise financeira como a de 2008. Noutras palabras, non podería haber máis en xogo.

O TTIP tamén ansía crear novos mercados abrindo o sector dos servizos públicos e a contratación pública ás empresas transnacionais, o que ameaza con provocar novas vagas de privatizacións en sectores chave como a sanidade ou a educación.

O TTIP pretende conceder aos investidores estranxeiros o dereito de demandaren a gobernos soberanos fronte a tribunais de arbitraxe ad hoc, son os “tribunais” de arbitraxe, comisións formadas por tres avogados privados que resolven demandas de grandes empresas… ao seu favor. Sen lexitimidade ningunha porque só son avogados caros, ademais dunha verdadeira ameaza para a democracia. para reclamar perdas de beneficios derivadas de decisións sobre política pública. Na práctica, este mecanismo de resolución de disputas entre investidores e Estados eleva o capital transnacional a un estatus equiparábel ao do Estado nación e ameaza con minar os principios máis básicos da democracia tanto na UE como nos EE.UU. Permite que as corporacións privadas actúen, en defensa dos seus xenéricos intereses, contra os poderes públicos nacionais, autonómicos, rexionais e locais. Pódense recorrer as decisións políticas que atenten contra o Tratado, sendo as súas decisións de aplicación inmediata e sen apelación. Así, a decisión o Consello Constitucional de Francia, ao declarar conforme á constitución a lei que prohibe o gas xisto, pode dar lugar á interposición -por un potencial investidor ou conxunto de invesitodores favorábeis ao gas xisto- dunha queixa por atentar contra o contido do TTIP. É un sistema de arbitraxe privada que subtrae de competencias ás institucións do Estado para o exercicio das políticas públicas.

O TTIP forma parte da armadura xurídica que limita o exercicio da democracia e da soberanía dos pobos. A herdanza normativa do capitalismo global -os contratos, normas de comercio e investimentos de carácter multilateral, rexional e bilateral e resolucións dos tribunais arbitrais que conforman a nova normativa condiciona o devir das maiorías sociais. O TTIP non é só un acordo comercial, é un novo tratado fundacional ao servizo das corporacións transnacionais.

A técnica xurídica utilizada polo TTIP non é neutral: é unha arquitectura construída a favor das empresas multinacionais e do capital. A desigualdade e a asimetría son elementos constitutivos do Tratado; ademais, a súa opacidade, a súa falta de transparencia e a reinterpretación dos elementos formais que constitúen o Estado de Dereito, deben ser coñecidos, desmontados e reapropiados polas maiorías sociais.

Contexto xurídico sobre o que actúa o TTIP . Os dereitos das empresas transnacionais tutélanse por un ordenamento xurídico global baseado en regras de comercio e investimentos cuxas características son imperativas, coercitivas e favorábeis ás empresas multinacionais.

Os compoñentes fundamentais do TTIP son o acceso ao mercado, as normas regulatorias, as cuestións regulamentarias e as barreiras non arancelarias; abarca aspectos materiais e formais.

Entre as cuestións materiais vemos con propostas relacionadas coa creba dos dereitos laborais e a normativa europea ambiental, a desregulación do sector financeiro, a apertura ao mercado privado dos servizos públicos -a auga, a electricidade, a educación, a saúde, o transporte, a protección social…-, a blindaxe das patentes farmacéuticas, o consumo de produtos modificados xeneticamente, a contratación pública…

O TTIP forma parte deste entramado xurídico-político de dominación. Non hai cruzamento de camiños entre os dereitos humanos e os dereitos corporativos; hai unha fonda ruptura da xerarquía e da pirámide normativa do sistema de protección dos dereitos humanos. Ademais, resulta evidente a debilidade democrática das institucións económicas globais, incluídos os tribunais arbitrais afastados dos poderes xudiciais

A falta de lexitimidade democrática do TTIP. O segredo e a opacidade son elementos constituíntes do TTIP. As normas de comercio e investimentos elabóranse fóra do control parlamentario e da cidadanía. Descoñecemos os negociadores, os criterios utilizados, as decisións adoptadas… e envólvese todo o procedemento de valoracións técnicas que “necesitan da confianza” e “discreción entre os negociadores”; tómanse decisións ás costas da cidadanía e á marxe dos procedementos parlamentarios, “secuestrando” os textos en discusión mesmo aos representantes públicos.

O TTIP combina a desregulación das obrigas das empresas transnacionais coa re-regulación dos seus dereitos. Preténdese eliminar toda barreira -arancelaria ou non- que dificulte o desenvolvemento do libre comercio e do investimento. Para iso procédese á harmonización normativa á baixa; é dicir, se o control financeiro é máis estrito en EEUU, harmonizar tendo en conta a regulación europea. Se a lexislación laboral é máis tuitiva na Unión Europea, aplícanse as normas de EEUU que desregulan os dereitos dos traballadores e traballadoras. Harmonizar desregulando os dereitos das maiorías sociais en todas as materias susceptíbeis de “seren mercadas e vendidas”. A compra pública responsábel que teña en conta os dereitos laborais dos seus empregados e das empresas subcontratadas, a promoción do comercio xusto, a eliminación de diferenzas entre homes e mulleres… chocará coa idea de derrogar toda regulamentación que sexa un obstáculo á apertura dos mercados públicos ao comercio e aos investimentos.

Toda a tramitación do TTIP creba os principios básicos do Estado de Dereito, é dicir, as garantías procesuais da cidadanía transparencia, separación de poderes, debates parlamentarios.

A tramitación do TTIP fulmina os principios clásicos do Estado de Dereito: a contractualización da lei e das relacións económicas -suprímense as normas parlamentarias xerais e substitúense por sistemas contractuais asimétricos ou de adhesión- provoca a anulación dos procedementos lexislativos, dislócase a separación de poderes e a soberanía dos pobos e nacións.

Por outra banda, a inflación normativa moi especializada, as cláusulas escuras, vagas, a incorporación dos anexos ao TTIP, atentan contra os dereitos das maiorías sociais. Ademais, a privatización do Dereito mediante as axencias de cualificación, o Dereito brando e a emisión de laudos arbitrais por tribunais privados, pechan o círculo infernal da arquitectura da impunidade.

Esta técnica clásica do modelo neoliberal combínase coa re-regulación dos dereitos das transnacionais. Se nos 90 o neoliberalismo propúñase reducir o Estado e deixar vía libre aos mercados, agora co TTIP búscase un Estado forte que garanta os beneficios das transnacionais europeas e estadounidenses. O Estado é imprescindíbel para a acumulación de riqueza do capital e para dirixir e reformar a sociedade ao servizo da grandes corporacións. O TTIP fortalece os dereitos destas.

O modelo institucional da UE non se adapta aos modelos tradicionais de democracia parlamentaria. O papel do Parlamento europeo e dos parlamentos nacionais é secundario no devir do TTIP. Ademais, o Tratado de Funcionamento da Unión Europea establece que “sobre os tratados internacionais informarase con total transparencia e axeitadamente ao Parlamento europeo en todas e cada unha das fases de negociación”. É dicir, están eludindo a súa propia legalidade. As prácticas en torno á elaboración do TTIP coliden coa propia normativa comunitaria.

A isto hai que unir o verdadeiro golpe de Estado que supuxo o Tratado de Estabilidade, Coordinación e Gobernanza da Unión Económica e Monetaria e o Mecanismo Europeo de Estabilidade; estes dous textos actúan como vasos comunicantes, xa que, por unha banda, elevan ao cume da pirámide normativa comunitaria o déficit público e a débeda pública -e, xa que logo, a xeneralización de medidas de axuste en contra das maiorías sociais- e, por outro, establécese unha intervención técnica das instancias comunitarias á marxe dos parlamentos nacionais e do Parlamento europeo. O debate parlamentario e a deliberación quedan subordinados a regras ríxidas e automáticas establecidas no deseño das políticas orzamentarias.

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 3 de febreiro de 2015]