Esta semana na base do Escuadrón de Vixilancia Aérea Número 10, que está situado no monte Iroite, no límite entre os concellos de Lousame, Boiro e Porto do Son, o exército español vai estar 5 días facendo manobras, co risco que iso provoca para a veciñanza, mentres o custe da vida non para de aumentar.
Nun momento no que a nosa nación se está afogando, no que temos a frota pesqueira amarrada nos portos, o sector gandeiro tirando o leite, as conserveiras parando a produción… Os nosos sectores produtivos e motores económicos teñen que enfrontarse á subida escandalosa do combustíbel, da electricidade ou do gas. Nun momento no que só pensar en chegar a fin de mes sen arruinarse é cada vez máis utópico, é xusto neste momento no que o “goberno máis progresista da historia” cede ao imperialismo da OTAN.
Mentres pensamos como reducir gastos, como paliar dalgunha maneira a suba de prezos, contemplamos atónitas o paso dos militares, dos mísiles e dos avións para adicarse a facer un “adestramento necesario”. Neste contexto de crise, que tan necesario pode ser un despregue sen precedentes nas comarcas da Estrela e do Barbanza? Que tan necesario é que vexamos atónitas como se van por minutos os cartos públicos nos vóos dos cazas?
Se a prioridade neste momento é subir o gasto militar un 2% tal e como demanda a OTAN, se a prioridade é rebaixarse ás peticións do imperialismo, se a prioridade é facer manobras militares… Se esas son as prioridades do goberno español, nós, non imos ficar caladas, non imos deixar que a barbarie xustifique todo.
Abonda xa de imperialismo, abonda xa do militarismo!