No marco da campaña contra as rebaixas laborais lanzada neste inicio de ano, integrantes de Galiza Nova realizarán repartos de material informativo na tarde de mañá venres 20 de xaneiro en varias localidades do país de xeito simultáneo. Con estas actividades informaremos á mocidade galega sobre as consecuencias da condicións laborais da mocidade e do conxunto da clase traballadora. Estes repartos realizaranse en varias comarcas do país: Compostela, Vigo, Pontevedra, Lugo, A Coruña, Ferrolterra e O Salnés de xeito simultáneo.
O Secretario Xeral, Alberte Fernández considera que “mentres os lucros das grandes empresas multinacionais non deixan de medrar, os nosos dereitos e salarios continúan minguando, temos que loitar contra esta inxustiza”.
Desde Galiza Nova, mocidades do BNG, denunciamos así as reformas laborais que someten á mocidade galega á absoluta precariedade. As reformas laborais dinamitaron a negociación colectiva, ampliando a vantaxe do empresariado sobre os e as traballadoras á hora de negociar os convenios.
Como mocidade afectada polas reformas e que loita polos dereitos das traballadoras, desde Galiza Nova esiximos ao goberno galego e ao goberno do estado que adopten medidas concretas para acabar coas rebaixas nos nosos dereitos laborais. Non podemos ficar paradas e temos que amosar o noso rexeitamento a estas reformas que abaratan o despido ata o extremo e que fomentan que a mocidade galega se vexa abocada a contratos precarios ou temporais.
Desde Galiza Nova propoñemos medidas concretas adaptadas á situación da mocidade galega e esiximos que se poña fin á permanente rebaixa dos nosos dereitos laborais. Para logralo demandamos:
-
Aumento dos salarios.
-
Derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva.
-
Eliminación das ETTs, limitación da contratación temporal e a tempo parcial.
-
Redución da xornada laboral a 35h semanais e limitación das horas extra.
-
Reactivación da negociación colectiva nun Marco Galego de Relacións Laborais.
-
Nova regulación dos horarios comerciais que permita o descanso e a conciliación da vida laboral e persoal.
-
Penalizar ás empresas que deslocalicen a súa produción a outros países con peores condicións laborais.
Que as rebaixas o sexan por reducir as marxes de lucro do empresariado, non a costa da explotación e do empobrecemento dos e das traballadoras!