NON É HORA DE XUSTIZA ESPAÑOLA

Como sabemos, o estado español nunca pasou por un proceso real de ruptura democrática co réxime franquista após a morte do ditador. Tanto o poder executivo como o poder lexislativo españois seguen inzados de prácticas e persoeiros que lembran a vellos tempos e tamén vellas prácticas. No caso da xustiza española é unha evidencia.

Estamos ante unha xustiza española herdeira das propias estruturas da ditadura fascista de Francisco Franco, con maxistradas, en órganos como o tribunal supremo ou o tribunal constitucional, que seguen de xeito moi estrito os mandatos da dereita española, tamén herdeira da ditadura. Casos como o da “manada” son un caso claro de xustiza patriarcal, dunha xustiza machista que non respecta a vida das mulleres nin as considera iguais aos homes, senón que as relega a un estatus de obxecto ou de subordinación a estes últimos.  Mais non é só a xustiza patriarcal, xa que a xustiza española serve en última instancia aos poderes fácticos que operan no estado, actuando como salvagarda dos intereses do gran capital español e como salvagarda tamén da “sagrada unidade de España” que sustenta todo o entramado de corrupción e clientelismo no que se basea a supervivencia do estado español tal e como o coñecemos.

Dado que o estado español é irreformábel, só coa construción dunha República Galega totalmente democrática, non patriarcal e xusta, poderemos aspirar a ter unha sociedade mellor, unha sociedade en pé de igualdade, onde os nosos dereitos individuais e colectivos fiquen garantidos. Desde Galiza Nova rexeitamos por completo o carácter antidemocrático e postfranquista da xustiza española, que nos nega como nación, permite a existencia de presas políticas e, en definitiva, opera contra os intereses do noso país e das nosas clases populares.

 NON É HORA DA XUSTIZA ESPAÑOLA, É A HORA DE GALIZA!