‘Non podemos deixar o noso futuro en mans de corruptos’

antiaAntía Insua naceu na vila costeira de Corcubión hai 24 anos. A piques de rematar os seus estudos en Deseño, agarda nun futuro próximo, poder traballar dignamente no sector téxtil galego, sen ter que emigrar ao estranxeiro. Mentres fai “encaixe de bolillos” como moitas mozas do país que combinan a súa formación con empregos temporais e o activismo feminista e xuvenil. De seguido conversamos con ela, candidata nº2 do BNG Asembleas Abertas ao concello de Corcubión:

Aceptei ir na candidatura do BNG-Asembleas Abertas, sen dubidalo, porque ademais de ser a única alternativa para que Corcubión volva ser o referente histórico que foi en tódolos ámbitos, tanto na comarca da Costa da Morte, como do país, vexo moi necesario que a xente nova nos impliquemos nas decisións políticas que nos afectan. Non podemos deixar o noso futuro nas mans dos que só se preocupan das súas contas bancarias, de enchufar os fillos dos amigos e safar das múltiples imputacións por corrupción, como pasa na Costa da Morte.

A primeira vez que viaxei en avión foi aos 15 anos a Barcelona, onde tiña e por desgraza aínda teño ao meu irmán emigrado. A sensación de envexa que tiven cando puxen un pé en Catalunya foi a mesma que sigo tendo hoxe cando vexo que na Galiza non melloramos nada con respecto a outras nacións do estado. Ao igual que en Catalunya, nós tamén podiamos vivir en galego sen sentirnos pailáns da aldea, desprazarnos en menos de tres horas de norte a sur e de leste a oeste a un prezo razoábel e en medios de transporte deste século, crear e descubrir con novas técnicas de vangarda fusionadas cas nosas tradicións e identidade alternativas para traballar e vivir no rural, practicar os deportes que unha elixa sen carecer de apoio institucional, cantar e bailar o que nos pida o corpo e unha maior información e posibilidades de futuro sen ter que emigrar como norma. Todo isto é o que a mocidade catalá pode elixir, por ser forzas nacionalistas as que gobernan os seus concellos e institucións. Téñoo moi claro desde os 15 anos, só nós, a mocidade galega podemos salvar este país, a Galiza que queremos está nas nosas mans, só temos que decidir cando transformar as nosas ideas e soños en realidade.

A situación actual na que nos atopamos a mocidade galega é moi fodida, e uso esta palabra porque penso que é a única que resume a nosa verdadeira situación. Na Costa da Morte, ao igual que en moitas outras comarcas galegas, estamos sometidas ao político de turno, ou mellor dito ao que leva toda a vida saqueando as arcas municipais con moreas de imputacións xudiciais e a súa rede de vasalos. Penso que todas aquelas persoas que queremos algo mellor para nós e os que veñen detrás, deberiamos reflexionar se isto é o que realmente merecemos. Se cadra non toda a culpa é destes señores, incapaces de vernos como a garantía de que as nosas aldeas e cidades non desaparezan, e tamén é nosa, da xente nova, por non ser o suficientemente revolucionarios co noso voto.

Por sorte, na maioría dos concellos galegos hai unha alternativa para nós, un proxecto feito por persoas que si nos valoran e ademais de querer escoitarnos, precisan o noso apoio. Somos nós quen debemos decidir o camiño que as institucións deben plantexar para a mocidade, ninguén mellor ca nós sabe o que precisamos para vivir e traballar nos nosos concellos. A alternativa chámase BNG-Asembleas Abertas e se o próximo 24 de maio todas e todos apoiamos este proxecto, o noso futuro está garantido. E para mostra temos numerosas vilas e cidades que medran en servizos de calidade, gobernando con e para nós. Pontevedra é símbolo de cidade para as persoas, Carballo a vangarda bergantiñá, Allariz o turismo responsábel, San Sadurniño un exemplo de participación veciñal, Carnota un referente en conservación do patrimonio, etc… estes son bos exemplos de que o idílico existe.

Depende de nós!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *