Non existen estatísticas que avalíen a porcentaxe de poboación que, en Galiza, non sabe falar español. Non existen porque, efectivamente, non é nin sequera unha posibilidade.
O curso pasado dei aulas de Lingua Galega e Literatura por primeira vez. Nunha vaga tentativa por chamar a atención do alumnado e procurar algún tipo de estratexia, ocorréuseme dicirlles que eu non sabía falar español. As reaccións seríanlle de bastante utilidade a aquel Rueda que hai xa 16 anos berraba tras unha faixa de Galicia Bilingüe en contra «de la imposición del gallego». A sorpresa e a incredulidade invadiron un alumnado de 2.º de ESO moi consciente da supremacía do castelán e do pouco probábel de que existise alguén que non soubese falar español.
Porque, efectivamente, non saberemos cal sería o resultado de ter mantido e aplicado as medidas do Plan Xeral de Normalización Lingüística —acordado en 2007 por maioría no Parlamento de Galiza— mais si sabemos, con números e porcentaxes, os resultados do mal chamado Decreto do plurilingüismo: 70 891 mozas e mozos de entre 5 e 14 anos que non saben falar en galego. Este resultado ten a súa orixe —máis que evidente— no factor castelanizador da escola, factor que, por outra banda, recoñece mesmo o Secretario Xeral de Política Lingüística, mais que desde o propio goberno non son quen de atallar con medidas efectivas. Medidas que xa existen, que están descritas e especificadas nese PXNL que nunca chegou a aplicarse con efectividade e que hoxe precisa mais que nunca da súa actualización e implantación inmediata.
«Eu non sei falar español» é, máis alá do absurdo, unha afirmación que ningún galego pretende dicir con orgullo. Pola contra, atopámonos a diario persoas que afirman non saber case nada ou nada de galego. É normal, por tanto, que ninguén daquel alumnado me crese. O raro, dadas as circunstancias, sería o contrario. Para a maior parte da rapazada é unha sorpresa e un feito extraordinario atopar quen non empregue o español como lingua habitual. Porque se empregas o galego na casa, no ocio, nas redes e na aula es, efectivamente, «profe» de galego ou do BNG. E malia que, certamente, eu non son o mellor exemplo para desmentir esta situación, senta certas bases para revertela: que o profesorado en todas as súas variedades sexa galegofalante habitual. Porque a sorpresa e o descrédito son «normais» cando para a nosa rapazada as súas figuras de referencia falan español de forma habitual, pois non existe normalidade para o galego.
Se se aprende desde o primeiro chanzo social, como é a escola, que o galego é a lingua só da aula de galego, non hai normalidade. Que se as matemáticas ou as ciencias teñen que ser obrigatoriamente en español, non hai normalidade. Se nas administracións o habitual é que se atenda en español, non hai normalidade. Se na maioría das tramitacións en liña teñen as súas páxinas en español por defecto, non hai normalidade. Se os influencers máis próximos ao seu contexto falan español, a asociación sinxela é que se queren ter seguidores e ser influíntes, teñen que falar español…
E, non nos enganemos, a rapazada quere vivir en normalidade, quere facer o que fai o resto e encaixar o máximo posíbel no conxunto dos grupos. O que quere calquera, vaia. Eu tampouco quero estar sempre na marxe, non quero ter que facer reclamacións continuamente para que me atendan en galego no banco ou acrobacias para que a miña compañía móbil me deixe darme de baixa sen mudar a miña lingua. Eu tamén quixen —e quero— ser parte do grupo e do colectivo. E podemos facelo posíbel.
O camiño está feito e só nos queda continuar indo máis alá. Que sexamos moitas e moitas máis quen facemos a nosa vida en galego: no traballo, na investigación, na rúa, nas redes e no ocio. Que demos a oportunidade de ter unha vida normal ás que veñen, de ser as influencers da aula e de facelo en galego. E iso pasa por frear as políticas desgaleguizadoras do Partido Popular, pasa por exixirmos xa a actualización e aplicación do PXNL, pasa por reconquistar os espazos para o galego na escola e na rúa. Por acadarmos estratexias desde e para o colectivo. Por coidar do berce da nosa identidade: a lingua.