Non somos a media laranxa de ninguén!

laranxaHoxe, 14 de febreiro sería un día calquera se non fose porque este sistema capitalista conmemora “un amor” dominante, de submisión, de entrega dos nosos corpos a decisións externas a nós, heterosexual, reprodutivo e de filiación. Este modelo resulta operativo para un sistema que se beneficia, entre outras cousas, da división sexual do traballo. Dito doutra forma, de todo o traballo gratuíto de coidados que facemos as mulleres en nome do “amor” aos nosos seres máis estimados.

Isto non é máis que a reprodución do ideal de amor romántico, a venda de relacións estereotipadas e mitificadas que son xeralmente a base do novo comportamento machista nas relacións de parellas. A mesma que se normalizou e que a maioría das mozas e mozos non é quen de ver como violencia nin cando se exerce nin cando a sofren. É en definitiva, a ferramenta máis potente para controlar e someter as mulleres, especialmente nos países onde somos “cidadás de pleno dereito” e onde non son, legalmente, propiedade de ninguén.

A famosa media laranxa que implica que unha persoa está baleira sen a outra metade e que xuntas forman unha unidade.

Desde que somos crianzas non nos ensinan a xestionar este sentimento, pero si nos bombardean con contos con finais felices, con Príncipes Azuis ou con Salvadores, con parellas heterosexuais, de dous membros (polo menos, de cara á galería) e con roles moi diferenciados. Ou a famosa media laranxa que implica que unha persoa está baleira sen a outra metade e que xuntas forman unha unidade.

Ideas que interiorizamos até tal punto que asumimos como “norma” o control por parte das parellas e mesmo hai quen afirma que non é capaz de evitar tal comportamento. Ver agresións onde non hai golpes ou insultos, cuestionar as nosas propias actitudes a diario non é doado, mais é necesario que as recoñezamos para deste xeito poder combatelas.

É evidente que estamos a sufrir un retroceso na loita contra o patriarcado e as relacións de parella baseada nun amor de entrega total e de submisión. Non só polo número de mulleres asasinadas cada vez máis novas no Estado, se non tamén en que as distintas violencias que se exercen fanse en ambientes sociais, legais, tecnolóxicos, mediáticos ou ideolóxicos que pasan desapercibidas.

Malia todo este envoltorio que rodea o Día de San Valentín e desde o cal nos bombardea o capitalismo debemos loitar e defender os amores sans, libres, diversos e imperfectos dos que gostemos. Utilizalos como ferramenta de combate deste sistema patriarcal e heteronormativo que impón roles de xénero e modelos de persoas e que impide que liberemos á sexualidade de preconceitos. Alén de que poidamos defender unha sexualidade vivida desde a independencia que outorga sermos persoas completamente libres. É desde esa perspectiva desde a que debemos traballar tanto o 14 de febreiro como todos dos días do ano para construír unha sociedade nova e unha nación xusta e libre.

Non somos medias laranxas, que somos laranxas enteiras.
SOBERANAS! EN NÓS NON MANDA NINGUÉN!