NON SOMOS MEDIAS LARANXAS, SOMOS LARANXAS ENTEIRAS

Hoxe, 14 de febreiro sería un día calquera se non fose porque este sistema capitalista conmemora “un amor” dominante, de submisión, de entrega dos nosos corpos a decisións externas a nós, heterosexual, reprodutivo e de filiación. Isto non é máis que a reprodución do ideal de amor romántico, a venta de relacións estereotipadas e mitificadas que son xeralmente a base do novo comportamento machista nas relacións de parellas. A mesma que se normalizou e que e que a maioría das mozas e mozos non é quen de ver como violencia nin cando se exerce nin cando a sofren.

Desde que somos crianzas non nos ensinan a xestionar este sentimento, mais si nos bombardean con contos con finais felices, con Príncipes Azuis ou con Salvadores, con parellas heterosexuais, de dous membros e con roles moi diferenciados. Ou a famosa media laranxa que implica que unha persoa está baleira sen a outra metade e que xuntas forman unha unidade.

Ideas que interiorizamos até tal punto que ao chegar á adolescencia asumimos como “norma” o control por parte das parellas e mesmo hai quen afirma que non é capaz de evitar tal comportamento. Así foi reflectido por un terzo da poboación entre os 15 e os 29 anos do Estado Español nunha enquisa do CIS hai unhas semanas.

Que facías conectada tan tarde? Con quen falabas?… son actitudes de control da intimidade a través do whatsapp e que cada vez percibimos máis a miúdo. A chantaxe de imaxes a través das redes sociais ante a posibilidade de romper a relación… Se me controla é porque me quere. Se non me quixera daríalle igual que roupa levase… Seguro que a todas e todos as escoitamos máis dunha vez, pero facer fronte a todo este tipo de actitudes non é sinxelo. Ver agresións onde non hai golpes ou insultos, cuestionar as nosas propias actitudes a diario non é doado, mais é necesario que as recoñezamos para deste xeito poder combatelas.

É evidente que estamos a sufrir un retroceso na loita contra o patriarcado e as relacións de parella baseada no ideal de amor romántico. Non só polo número de mulleres asasinadas cada vez máis novas no Estado, se non tamén en que as distintas violencias que se exercen fanse en ambientes sociais, legais, tecnolóxicos, mediáticos ou ideolóxicos.

Por iso, é preciso lembrar sempre que non somos medias laranxas, que somos laranxas enteiras.

SOBERANAS! EN NÓS NON MANDA NINGUÉN!