“Non te queixes, que polo menos tes traballo” artigo da responsábel de emprego

“Non te queixes que polo menos tes traballo”, “se non o colles ti hai cen detrás que dirán que si”, “agora mesmo non hai outra maneira de coller experiencia”…  Son as frases coas que te intentan convencer ou coas que mesmo  intentas autoconvencerte para aceptar un traballo en condicións precarias, sendo consciente da realidade na que vivimos. Elixir entre:

  • un soldo máis ou menos digno, traballando máis de 10 horas ao día
  • bolsas de 600€ de fundacións para “formación” na que a formación dura o primeiro mes e o resto eres unha traballadora máis
  • bolsas sen  remuneración económica algunha nas que tampouco cotizas nin tes ningún tipo de dereito laboral.

Esta é a realidade coa que nos atopamos as mozas e mozos que buscamos emprego no país, soldos cos que só podes sobrevivir, horarios que lonxe quedan das 40 horas semanais… e recortes nas empresas para as contas de Seguridade e Saúde que nada teñen que envexar aos do Partido Popular en Sanidade  e Educación, recortes que non só afectan á mocidade traballadora se non que sofre o conxunto da clase obreira.

Publicáronse estes días os datos sobre sinistralidade laboral na Galiza no pasado ano 2014. Antes de entrar na súa análise, cabe destacar os seguintes feitos:

  • Ditos datos obtéñense coa información dos partes de accidentes de traballo e enfermidades profesionais notificados á autoridade laboral galega mediante os sistemas Delt@ (Declaración electrónica de traballadores accidentados) e CEPROSS (Comunicación de enfermidades profesionais na Seguridade Social), das traballadoras e traballadores afiliadas á Seguridade Social que teñan cubertas ditas continxencias. Isto quere dicir que a mocidade con bolsas que non cotizan á Seguridade Social non entran nestas estatísticas nin as traballadoras e traballadores sen contrato.
  • Accidentes que deberan computar como accidentes con baixa camúflanse entre os accidentes sen baixa laboral. Nas empresas cada día é mais doado ver a unha traballadora con collarín diante dun ordenador despois dunha caída, a un traballador cun brazo en cabestrillo despois dun sobreesforzo… feitos posíbeis grazas en grande medida á nova lei de Mútuas.
  • Algunha que outra empresa non notifica á autoridade laboral os accidentes que sufren as súas traballadoras e traballadores facendo pasar un período de baixa laboral por unas vacacións “forzosas”.

Debullando xa os datos publicados, o aumento de accidentes leves, graves e mortais cunha maior taxa de desemprego reflicte un aumento na precariedade das condicións laborais, que a prevención de riscos laborais na meirande parte das empresas é un requisito legal do que preocuparse cando se produce un accidente grave ou mortal ou unha área da empresa da que só se acordan cando se ten que pasar unha auditoría reglamentaria. Auditorías que en boa parte non serven mais que para demostrar a picardía e astucia para soterrar á auditora entre moreas de papeis e, se atopa algunha non conformidade legal, a mesma empresa encárgase de deixar claro que unha non conformidade pode converterse nunha simple observación cando o cliente que contrata a auditoría e a empresa auditada é o mesmo ser e “quen paga manda”, tendo as costas cubertas xa que ou existe unha denuncia ou accidente ou Inspección de traballo non se mete nesos terreos por estaren completamente saturados.

É hora de visibilizar non só a emigración forzada e o desemprego da mocidade, se non tamén as condicións laborais ás que nos vemos sometidas. É hora de reclamar un traballo digno, na nosa terra e no que non nos xoguemos a nosa integridade física e mesmo as nosas vidas e isto pasa, ao igual que as demais reivindicacións e loitas, pola autorganización e neste caso concreto na autorganización da mocidade traballadora galega.

Artigo de D. R. R.,  responsábel de emprego de Galiza Nova e traballadora en precario.