Non tememos o voso fascismo. Artigo Iria Nande

Iria Nande

Nos últimos anos, as mozas galegas fomos testemuñas do aumento do fascismo. A extrema dereita, financiada polo grande capital, incrementou a súa ofensiva, dirixindo a súa mensaxe cara á mocidade. Nun contexto en que as persoas novas vense privadas de poder emanciparse e desenvolver un proxecto de vida, o fascismo tenta mostrarse como antisistema en cuanto non deixa de ser un reforzo deste. Esta estratexia baséase en culpar das pésimas condicións materiais da vida actuais ás verdadeiras loitas antisistema: o antiimperialismo, o nacionalismo, o ecoloxismo, a loita LGBT+ e, particularmente, o feminismo. Hai quen considera que o machismo está de volta, mais isto é completamete erróneo. O machismo nunca desapareceu. O que estamos presenciando é un rearme do discurso patriarcal.

Para calquera moza galega é evidente o auxe do discurso fomentado desde a dereita: a muller supeditada ao home, servicial, dependente economicamente del, dedicada exclusivamente aos coidados e traballo reprodutivo non asalariados. Unha idea da feminidade como mero accesorio dun home en que a muller atinxe a súa plenitude co matrimonio heterosexual e a maternidade. Mulleres cuxo proxecto de vida sexa a satisfacción das necesidades do seu home e os seus fillos e o coidado da súa apariencia física. Mulleres que dediquen a súa vida a soster o sistema patriarcal.

Un exemplo claro é o fenómeno das tradwifes, propaganda fascista para facer crer ás mulleres que o seu sitio no mundo é exclusivamente nas catro paredes da súa casa. Ou a popularización de frases como o tan famoso «I’m just a girl», que baixo unha estética inocente transmite unha mensaxe terríbel para as mozas. «Só son unha rapaza», como se polo feito de ser muller a nosa capacidade fose menor.

Entretanto as mulleres seguimos a ser abusadas, agredidas, violadas ou asasinadas. A cobrar menos que os homes. A ser excluídas como suxeito de investigación médica. A ser xulgadas e acosadas por decidir como, cando e con quen ter crianzas. A vivir nun espectro entre a sexualización e o paternalismo. A sofrer doenzas para as que case non se destinan recursos de investigación. A ser cuestionadas por como vivimos a nosa vida. A vivir nunha guerra constante contra o noso propio corpo por adecuarnos a un canon estético inatinxíbel e pouco saudábel. A ver como o autocoidado sempre é consumir 20 produtos cosméticos diferentes, mais nunca é ter un servizo público de xinecoloxía e obstetricia digno.

Fronte ao avance reaccionario, a mocidade galega organizada debe asumir o feminismo como ferramenta de transformación social. Só un feminismo combativo, coherente coas loitas de clases e coa soberanía nacional, poderá garantir unha Galiza libre e capaz de derrotar as opresións que limitan o noso futuro. A nosa acción política debe ser clara: racharmos co machismo e construírmos unha mocidade consciente e organizada, capaz de traballar pola construción dun país xusto, igualitario e soberano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *