Nós Candidatura Galega preséntase como a forza da mocidade

A mocidade defendeu a paz mundial e expresou a súa dor polas vítimas de París

Compostela acolleu esta mañá un encontro de mozas e mozos con Nós Candidatura Galega no que participaron as catro persoas que encabezan as listas ao Congreso, Carlos Callón, Carme Adán, Noa Presas e Olalla Rodil, xunto a mocidade que integran as candidaturas.

O encontro, organizado por Galiza Nova, xuntou a máis dun cento de persoas novas para dar a coñecer as propostas de mocidade do nacionalismo de cara ás eleccións Xerais. Foi sobre todo un acto de lembranza e solidariedade coas vítimas dos ataques de París, coas súas familias e con toda a veciñanza da capital francesa. “A mocidade galega traballará día a día para construír a paz en todos os pobos do mundo, para que non haxa máis morte nin terror”, afirmou Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova, ao comezo do encontro.

Carlos Callón, cabeza de lista pola Coruña instou a defender “o noso futuro, a nosa cultura e o noso país sen dependencias” mentres que Carme Adán enfatizou o valor da mocidade e asegurou que “un país que expulsa á súa xuventude está abocado a desaparecer, por iso Nós seremos a voz das mozas e mozos que foron expulsados da terra por falta de oportunidades laborais e reivindicaremos un futuro digno na terra, no que poder estudar, investigar e traballar”.

No encontro no que participaron as mozas e mozos candidatas animouse á xuventude galega a apoiar e facer campaña por Nós Candidatura Galega, xa que será a única forza que se rebele para defender Galiza, facendo fincapé en que ningún voto quede na casa, e lembraron que toda moza e mozo que queira defender o seu futuro mais non teña seguranza de estar o día 20 de decembro na súa localidade pida o voto por correo antes do 21 de novembro, data na que remata o prazo para o solicitar.