NÓS para ramatar coa precariedade laboral da mocidade

CALLÓN REPARTO CAMPUS USC (2)NÓS-Candidatura Galega leva como proposta de programa que os contratos en formación e en prácticas para xente moza entre 16 e 30 anos recollan unha remuneración mínima de 650 euros equivalente ao salario mínimo interprofesional, o que suporía un incremento substancial xa que a actual normativa laboral aprobada polo PP prevé salarios equivalente ao 75% do SMI para esta modalidade de contratos.

A medida foi anunciada polo cabeza de lista pola Coruña, Carlos Callón, tras participar nun reparto informativo de voto por correo no Campus sur da Universidade de Compostela (USC) organizado por Galiza Nova, -a organización xuvenil do BNG-, no que instou á mocidade galega a mobilizarse para encher de votos as urnas o 20D.

“De nada serve laiarse o 21 de decembro polo deterioro do ensino público, polos recortes nas bolsas de estudo, pola suba das taxas de matrícula, pola falta de emprego…, senón participan, por iso desde NÓS-Candidatura Galega queremos animar a que participen e voten masivamente en liberdade, como galegos e galegas, que enchan as urnas”, explicou Callón.

O candidato de NÓS instou a solicitar o voto por correo a xente nova que non vaia estar nos seu colexio electoral o 20D. “Pídolle aos mozos e mozas que participen, porque con eles Galiza pode ter voz en Madrid e podemos mudar as políticas que están a padecer”.

Precisamente para cambiar esas políticas de recortes e deterioro do ensino público, Callón tamén avanzou que NÓS-Candidatura Galega levará ao Congreso medidas para conxelar as taxas das matrículas universitarias e a súa redución á metade de xeito progresivo ao longo dos catro anos de lexislatura.

Igualmente, inclúe no programa electoral a transferencia a Galiza da xestión das bolsas universitarias para adaptar os criterios as particularidades do alumnado galego: onde se teña en conta a dispersión poboacional, a distancia co centro e o lugar de residencia e non só un criterio de renda.