NOVA VITORIA PARA O FEMINISMO GALEGO, MAIS SEGUIMOS NA LOITA!

destacada_cEstes días son días de celebración, non só pola retirada do Anteproxecto da Lei do Aborto, se non tamén pola dimisión do Ministro de (in)Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, o brazo armado do Opus Dei e do PP. O anteproxecto supuña un cambio que nos devolvería ao 1985, coa volta a un sistema de supostos. Ademais de volver a un tempo no que as mulleres que podían abortar, viaxaban ao estranxeiro e as que non, estaban condenadas aos abortos clandestinos arriscando as súas vidas. E, por suposto, que a liberdade dos corpos das mulleres se vise axuizada permanentemente polo mesmo goberno que precariza as nosas vidas.

seguimos e en alerta feminista polos intentos de someter ás mozas que decidan abortar ao consentimento materno/paterno

Mais á marxe desta vitoria, seguimos e en alerta feminista polos intentos xa expresados por Mariano Rajoy de someter ao consentimento materno/paterno das mozas de 16 e 17 anos para abortar, limitando deste xeito o dereito a decidir sobre os seus propios corpos. Mesmo sabendo que a maioría das mozas non abortaban soas coa actual lei, como informa a Asociación de Clínicas Acreditadas para a Interrupción do Embarazo (ACAI), case sempre asisten acompañadas da súa nai, pai ou titora/titor. Unha estadística que concorda coa publicada polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

hai moitas mozas que non poden conseguir este consentimento para poder abortar

Con esta reforma, a parte de torturar ás mozas que tomen a decisión de abortar, penalizando a quen tome unha decisión tan dura e traumática como é o aborto, pretende arrebatarlle a capacidade de decisión sobre os seus corpos, pois hai moitas mozas que non poden conseguir este consentimento para poder abortar, e moito menos estar acompañadas dalgún dos seus proxenitores.

Que pasa coas mozas ás que lles finou o pai ou a nai? Ou as que os seus proxenitores están presos? E as que viven no estado español cun familiar, pero a nai e o pai están a kilómetros de distancia? Pois que todas estas mozas quedan legalmente desamparadas porque non poden acadar o permiso que se lles solicita necesario, condenándoas a unha vida que non merece a pena ser vivida.

Mais o feminismo debe pór no primeiro plano a situación en que quedan as mulleres lesbianas e solteiras, pois hai meses a Ministra de Sanidade, Ana Mato, xunto con Ruiz Gallardón, anunciou a suspensión da cobertura sanitaria para os tratamentos de fertilidade na sanidade pública. Outro exemplo da hipocresía por parte do Partido Popular, pois obriga a parir a aquelas mulleres que non o desexan e prohíbello a aquelas que de verdade queren ser nais.

Por iso, a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova seguirá na rúa e chamamos á mocidade galega para dármoslle unha lección de dignidade, unha vez máis, ao Partido Popular!

SOBERANAS, REBELDES, INSUBMISAS!
EN NÓS NON MANDA NINGUÉN!