Novas Xeracións exerce a demagoxia para agochar a súa faciana antidemocrática e fascistoide

foto cargaRemata unha semana na que a mocidade galega vén de ser multiplemente agredida por defender os seus dereitos. Se o pasado mércores a policía española reprimía unha mobilización estudantil exercendo a violencia física contra menores de idade, detendo a sete moz@s e exercendo a represión económica; esta mesma situación volveuse repetir contra rapaces e rapazas de 15 e 16 anos, xusto dous días despois no marco da protesta contra a actuación policial.

A estratexia represiva do Partido Popular levada a cabo polas forzas policiais contra a mocidade que se rebela e sae á rúa en defensa dos seus dereitos é xa unha constante que unicamente pretende amedrentarnos e que non nos mobilicemos en defensa dos nosos dereitos.

Mirar cara a outro lado: titulares para a demagoxia do PP, silencio para a mocidade represaliada!

Cuestión tamén alarmante, síntoma da censura e represión estatal, é que estes feitos non merezan nin a máis mínima atención polos medios de comunicación de masas e oficiais, e mesmo as imaxes das cargas policiais desta semana fosen censuradas pola televisión pública de Galiza, como denuncian traballadoras/es do medio.

Porén, si é noticia a demagoxia coa que as Novas Xeracións do Partido Popular pretenden intimidar a militantes de Galiza Nova e desviar a atención sobre a violencia coa que o PP está a mallar na mocidade galega. Non esquecemos a actitude nas redes sociais de membros de Novas Xeracións brazo en alto e saúdo fascista, nin a exaltación por parte desta militancia de bandeiras franquistas, incitación ao odio para as e os nacionalistas….

Son moitos os exemplos de quen pretende exercer a demagoxia para agochar a súa faciana antidemocrática e fascistoide.