Nunca Máis: 15 anos despois

O 13 de novembro de 2002 o petroleiro Prestige naufragou nas costas da Galiza, provocando a maior catástrofe ecolóxica da historia recente. Cúmprense hoxe 15 anos dunha xestión totalmente inapropiada dun desastre ecolóxico que rematou por encher de chapapote a nosa costa.

Porén, cúmplense 15 anos tamén da exemplar resposta que deu o pobo galego organizándose na Plataforma Nunca Máis, impulsada polo nacionalismo galego e da que Galiza Nova formamos parte, e rexeitando as políticas fracasadas dos gobernos central e da Xunta que non fixeron nada máis que agravar a situación.

Naquel momento ante a incompetencia o pobo galego organizouse para limpar o chapapote das nosas praias, demostrando que só o pobo salva ao pobo, e que precisamos un goberno que verdadeiramente sirva aos nosos intereses, que rache coa dependencia do estado español e que sirva a unha Galiza verdadeiramente soberana.

Ao longo destes anos contemplamos como non se asumiron responsabilidades políticas pola marea negra do Prestige, ao igual que non se asumiron polo accidente do Alvia ou polas constantes vagas de lumes que padecemos, buscando dende os gobernos culpar ao capitán do barco, ao maquinista, ou ao incendiario.

Dende Galiza Nova reivindicamos que se tomen medidas políticas, e que os verdadeiros culpábeis asuman responsabilidades polo seu desastre. Na actualidade todos os días seguen pasando petroleiros diante das nosas costas por un corredor que é un verdadeiro perigo. Impidamos que se repita a catástrofe.

NUNCA MÁIS!