Un novo desastre medioambiental ameaza as nosas costas: da marea negra do Prestige a marea branca de pellets. Esiximos responsabilidades!
Desde Galiza Nova pedimos que tanto o goberno español como o galego actúen de xeito inmediato ante un novo desastre natural sen precedentes e cuxo impacto no noso medio pode ser irreversíbel.
O pasado mes de decembro detectábanse nas Rías Baixas e na ría de Muros e Noia estes pellets de microplásticos -tamén coñecidos como bágoas de serea- procedentes, ao parecer, dun dos seis contedores que perdía un cargueiro en Viana do Castelo (Portugal). As bolsas de arredor de 25 quilos que se foron atopando nestes puntos levaban impreso o nome da empresa Bedeko Europe con sede en Polonia.
A plataforma Noia Limpa foi a encargada da difusión deste novo desastre e chaman a cidadanía a colaborar na detección de novos puntos de vertido nas nosas costas.
Estes pellets son microplásticos dun tamaño de menos de 5mm o suficientemente pequenos como para ser arrastrados polo vento e flotar na auga. A medida que permanecen no medio vanse descompoñendo e facéndose aínda máis pequenos.
Ademais da súa toxicidade inherente, son “imáns” capaces de absorber toxinas e outros produtos químicos nocivos como son os contaminantes orgánicos persistentes (COP) que poden ser consumidos por outros animais ou fragmentarse e ser inxeridos polo plancton mariño, entrando con facilidade na cadea trófica.
Ademais, os propios peixes poden morrer ao inxerir estes pellets e sentirse saciados cando non o están.
E por isto que esiximos que a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado tomen parte de inmediato mediante a avaliación da magnitude do impacto, sancións aos responsables e a posta en marcha dun plan de continxencia e acción ante este novo atentado ecolóxico.
Así mesmo chamamos a colaboración cidadá así como a comunicar novos vertidos á asociación Noia Limpa a través das súas redes sociais.