O aborto legal e seguro: catro décadas de loita feminista que aínda non remata. Artigo Ana Novo

Ana Novo

Nas festas da localidade biscaína de Basauri do ano 1976, 11 mulleres foron detidas: 10 por abortar e 1 por practicarlles os abortos. Nunha época na que este feito non só estaba penado con cárcere, senón que nin sequera era legal ningún método anticonceptivo, estas detencións serían o precedente que desencadeou unha oleada de sororidade e de protesta en todo o Estado español.

O proceso xudicial destas once mulleres estivo activo ata o 1985, ano no que se aprobou a primeira despenalización parcial do aborto dende o 1936. Na Galiza, durante todo ese tempo, foron xurdindo innumerábeis asociacións e organizacións vencelladas ao movemento feminista: Asociación Galega da Muller, Movemento Democrático de Mulleres de Galicia, Coordinadora Feminista Galega, Mulleres Nacionalistas Galegas e, con maior peso sobre o nacionalismo, a Comisión da Muller da AN-PG.

Esta última foi clave para introducir as demandas feministas na axenda política do nacionalismo galego, ligando explicitamente a liberación nacional e de clase coa loita pola emancipación das mulleres.

O resultado de numerosas manifestacións e reivindicacións entre as décadas dos 70 e os 80, foi a Lei Orgánica 9/1985, que despenalizaba parcialmente o aborto só en tres supostos: o suposto terapéutico (risco grave da saúde física ou mental da embarazada), suposto criminolóxico (violación) e o suposto euxenésico (malformacións ou “taras”, físicas ou psíquicas, no feto). Ademais, requeríase un informe médico que corroborase a certeza de, cando menos, unha desas tres condicións, e entraba en  vixencia a pena de prisión para aquelas mulleres que exerceran o seu dereito ao aborto por vontade propia (sen cumprir ningún suposto) e para aquelas persoas que a axudaran. Este decreto, claramente insuficiente e que seguía sen respectar o dereito básico da muller de ser dona do seu corpo, mantívose ata o 2010, ano no que se promulgou a Lei Orgánica 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, que foi aprobada no Congreso (co voto a favor do BNG), malia os votos en contra de grupos como o Partido Popular e Coalición Canaria. Mais aínda nesta lei, decretada xa ben entrado o século XXI, contiña no seu artigo 14 os chamados “3 días de reflexión”, que consistían en agardar tres xornadas, logo de que se lle facilitara á muller embarazada o que era claramente propaganda en contra do aborto, para realizar finalmente a interupción da xestación. Non foi ata 2023 (sí, hai escasos 3 anos) que este artigo foi desestimado.

Así, unha das principais frontes da Comisión da Muller da AN-PG nos 70, segue latente a día de hoxe: aínda non somos donas de nós mesmas. Négasenos o dereito de decidir sobre os nosos propios corpos. Sobre as nosas propias vidas. Como teremos, pois, o dereito a decidir sobre o noso país?

Galiza somos tamén as mulleres. As mulleres traballadoras, as oprimidas polo capital, as maltratadas, as que vivimos baixo o xugo imposto polo patriarcado, que coloniza os nosos corpos dende antes de nacer. As que, non hai tantos anos, loitaron incansablemente para que hoxe poidamos seguir o camiño da loita feminista, nunca separada da loita de clase. Mentres ningunha de nós sexa soberana do seu corpo e de si mesma, a nosa nación non coñecerá a verdadeira liberdade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *