Vimos de denunciar en Ponteareas, unha vez máis, a censura exercida polo Alcalde González Solla, quen impediu a membros de Galiza Nova a gravación do Pleno Municipal deste martes na casa do concello.
As sesións do Pleno son públicas, e ao impedir a gravación, o Alcalde está incumprindo un dereito constitucional e referendado polo Tribunal Supremo e o Defensor do Pobo.
Xa non nos sorprende, Solla e o PP recuperan continuamente actitudes de censura doutros tempos, máis propias dun goberno antidemocrático e do ditador que dun goberno transparente e con intención de dar a coñecer o que acontece na institución municipal.
É preciso facilitar e fomentar a participación cidadá na vida política do noso Municipio, trasladando toda a información posíbel, veraz e contrastábel ás veciñas e veciños de Ponteareas, porque, a pesar da falta de transparencia do goberno do PP no concello, toda a cidadanía ten dereito á información.