A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, presentou as XXXI Xornadas da mocidade galega que xirarán en torno ao futuro das normativas do galego e á figura de Ricardo Carvalho Calero –homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. O Secretario Xeral de Galiza Nova e deputado no Parlamento de Galiza, Paulo Ríos, animou ás mozas e mozos galegos a participar nas palestras formativas que se impartirán de maneira online desde o 12 de setembro até o 19, sábado do mesmo mes.
Co gallo do adiamento da celebración das Letras Galegas á figura de Carvalho Calero, a organización xuvenil decidiu centrar as xornadas de verán da mocidade galega na situación actual da lingua galega e as posibilidades que se abren co binormativismo. O responsábel nacional de formación de Galiza Nova, Manuel Magán, explicou que tamén se incluirá “como solucionar a perda de falantes da nosa lingua e a asimilación, cada vez maior, do castelán na nosa sociedade”.
A organización xuvenil animou á mocidade galega a participar nas palestras formativas que se desenvolverán de maneira online desde o 12 ao 19 de setembro
Durante estas palestras a través de videoconferencias, intervirán figuras destacadas do galego como Valentim Fagim, Freixeiro Mato, Antía Corticas e Mercedes Queixas. O obxectivo das mesmas tamén será crear un espazo de debate onde as participantes poderán aportar a súa visión e as posíbeis estratexias para desenvolver un proceso normativizador do galego. “Somos o motor do cambio neste país e nestas xornadas teremos un debate profundo sobre o galego desde unha perspectiva crítica” indicou Magán.
Pola súa banda, o Secretario Xeral de Galiza Nova e deputado no Parlamento, Paulo Ríos, comezou explicando que neste contexto actual e neste sistema “a nosa lingua e a nosa historia son ocultadas” e indicou que a mocidade galega precisa “coñecer as cuestións que nos son propios”.
O Secretario Xeral explicou que o formato destas xornadas serán diferentes ás anteriores realizadas por Galiza Nova, co motivo da COVID-19, e todas elas poderán verse a través da plataforma facilitada pola organización con formulario previo enviado. Ríos convidou ás mozas e mozos galegos a participar destas xornadas de formación e debate para aprender sobre a nosa lingua “e os retos que virán no futuro”.