“A mocidade é un dos sectores especialmente golpeados pola crise que durante estes anos non só sufriu a emigración senón tamén o paro e a precariedade, e polo tanto o empobrecemento, en maior medida que calquera outra franxa de idade” afirmou Avia Veira, voceira do BNG no Concello da Coruña e compañeira de Galiza Nova.
O Grupo Municipal do BNG presentou no Pleno deste xoves unha moción co obxecto de aplicar medidas para atallar o desemprego xuvenil na cidade da Coruña.
O Bloque argumenta esta moción sinalando que desde 2009 emigraron no noso país máis de 132.000 persoas entre os dezaseis e os vinte e nove anos, ou que a finais de 2015 o Instituto galego de Estatística publicou a súa Enquisa estrutural a fogares na que se indicaba que a taxa de risco de pobreza entre as e os mozos galegos duplicouse durante a crise, pasando do 9,4% en 2005 a mais dun 19 por cento no 2014, polo que dous de cada dez galegos que teñen entre 18 e 34 anos están en risco de pobreza.
As nacionalistas instan na moción o Goberno municipal a elaborar un Plan específico de emprego xuvenil, compromiso recollido nos programas electorais da Marea Atlántica e do BNG
“Outro dato devastador sobre a situación da mocidade na Galiza é que na actualidade 291.744 persoas mozas entres 18 e 34 anos viven no fogar cos seus pais. Destes, 136.257 mozas e mozos galegos, o 46,70 % segundo o IGE, non teñen ningún ingreso, e son 13.000 máis que ao comezo da crise”, subliñan as nacionalistas.
Deste xeito, o BNG solicita na moción o acordo do Pleno do Concello da Coruña para demandar da Xunta da Galiza a elaboración e desenvolvemento de medidas reais para a creación de emprego digno para a mocidade, en colaboración co propio Concello da Coruña e outros axentes sociais.
Para as nacionalistas este Plan de Emprego Xuvenil deberá recoller, entre outras medidas, o impulso da creación dunha rede municipal de empregabilidade para xente moza, a coordinación co Servizo Público de Emprego na xestión das ofertas de traballo ou a potenciación das industrias vinculadas á lingua e cultura galegas, que ademais de ser os valores máis representativos da nosa identidade, crean valor engadido e polo tanto emprego xa que veñen dando mostras nos últimos anos dun grande dinamismo indicando que a convocatoria de premios, bolsas e certames son instrumentos que se poden empregar para isto.
Tamén, para o Bloque se deberán incluír no Plan a creación, en colaboración coa Universidade da Coruña, de bolsas destinadas a persoas tituladas superiores, para executar proxectos de especialización, exportación e innovación da economía local e o apoio de proxectos emprendedores de xente moza dándolle cabida nos viveiros de emprego xestionados polo Concello mais tamén a través do acompañamento do desenvolvemento desde o inicio, creando espazos gratuítos de coworking para a mocidade, onde convivan diversas culturas profesionais coas que obter sinerxias.
“No acordo tamén incluímos as propostas de reservar unha partida económica suficiente para a elaboración e posta en marcha deste Plan de Emprego Xuvenil nos orzamentos de 2016, o aplicar as Instrucións sobre contratación pública, en especial no que ten a ver co emprego da mocidade e, por último, recoller nos pregos do concurso de adxudicación dos postos dos mercados municipais a valoración de proxectos elaborados por xente nova”, conclúe Avia Veira.