O Ministerio de Xustiza, capitaneado polo reaccionario Alberto Ruíz Gallardón, non recúa na ofensiva contra o dereito das mulleres a decidirmos sobre o noso propio corpo. Embora o Goberno do Partido Popular deixou aparcada a reforma da lei do aborto de maneira temporal, debido ao rexeitamento da ampla maioría da sociedade, todo apunta a que o executivo español continuará adiante coa medida máis cedo ca tarde.
Mesmo antes de gañaren as eleccións estatais, o partido de Mariano Rajoy promovía a derrogación da actual Lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo para a substituíren pola anquilosada Lei de 1985 (máis coñecida como a Lei de prazos).
Nós parimos, nós decidimos!
Porén, coa súa chegada ao Goberno do Estado, o ministro de Xustiza ergueuse en defensor dun endurecemento dos supostos en que se contempla o dereito ao aborto e avanzou que a nova norma rexeitaría, entre outras cuestións, a malformación do feto como suposto para interromper o embarazo coas debidas garantías.
A decisión do ministro supón unha involución gravísima que trae de novo á lexislación unha ideoloxía descaradamente fascista que, aliás, responde con clareza aos intereses de organizacións ultra-conservadoras como a Red Madre.
Cómpre lembrar que a a interrupción do embarazo -para alén de constituír un dereito- parte dunha necesidade. Así a súa repenalización, que ten demostrado ademais ser absolutamente inútil para reducir o número de abortos que se levan a cabo, sumirá máis unha vez esta práctica no escurantismo, na clandestinidade e na mercantilización.
Unha desprotección médico-sanitaria, que chegará mesmo a pór en risco a vida das mulleres con menos recursos económicos toda vez que as políticas do Partido Popular están a empobrecer de maneira alarmante as clases populares e, moi nomeadamente, as mulleres.
É por iso que urxe unha resposta contundente á ofensiva do PP contra a soberanía dos corpos. Neste senso, o nacemento da Plataforma galega polo dereito ao aborto –que vén desenvolvendo múltiples accións a prol do dereito das mulleres a decidir- tórnase unha ferramenta chave na loita fronte ás políticas coas que o PP quere oprimir e domear ás mulleres negándonos dereitos fundamentais como o de elixirmos libremente sobre a nosa maternidade.
Desde Galiza Nova chamamos a todas as mozas do país a se sumaren á defensa do dereito ao aborto e a combateren o sistema patriarcal.
*Na maior parte dos estados da Unión Europea, agás en catro, as leis de interrupción voluntaria do embarazo recollen prazos superiores aos que pretende aprobar o goberno do Partido Popular. Leis que abranguen ademais a ampliación do prazo, dándose a concorrencia de determinados supostos de perfil terapéutico e euxenésico. Así, no caso español, de saír adiante a reforma que prevé aprobar o executivo de Mariano Rajoy, as mulleres galegas ficarán submetidas a unha lexislación que nos situará á cola de Europa, só seguidas de Malta e Polonia.