O 20 de febreiro a mocidade galega sairá á rúa en defensa dos seus dereitos, dun ensino público e galego para todas e todos, ademais de berrar alto e claro que non imos permitir a implantación da nova Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) do ministro de educación, José Luís Ignacio Wert.
Dicía Nelson Mandela que “o ensino é a arma máis poderosa para cambiar o mundo…” Como militante de Galiza Nova téñoo claro, pois compartimos e defendemos as súas verbas, e sabemos que o cambio social, a conciencia propia que nos axuda a pensar por nós mesm@s, só vén da man dunha educación que fomente os valores de igualdade e de respecto. De respecto polas persoas e polos pobos, non como este goberno que mira as persoas en función da súa clase social, do seu sexo, dos seus recursos económicos, etc.
Respecto polos pobos tamén. Sabemos que temos una identidade propia e diferenciada, que somos unha nación cunha lingua, historia, cultura, literatura… malia o PP pretender con esta nova lei españolizarnos negando o noso idioma propio, ademais de querer fomentar e difundir entre o estudantado a baixa autoestima por sermos galegas e galegos.
Saímos á rúa porque temos motivos dabondo. Para amosarmos o noso pleno rexeitamento a esta nova medida, pois privatiza e desmantela o ensino público, fomentando e beneficiando á concertada-privada con cartos públicos, ademais de expulsar as persoas do ensino con menos recursos económicos ou con máis dificultades.
Para o PP, que pretende impor as reválidas e retroceder décadas de loita e melloras para a educación, é mais sinxelo eliminar as persoas que posúan máis dificultades, no canto de axudalas e estabelecer un modelo educativo máis xusto e equitativo.
Por outra banda, a idea de querer facer de nós monicreques ao seu servizo refórzase coa importancia que se lle dá á relixión, a cambio de filosofía, materia que ensina ás persoas a pensar por si mesm@s, alén de favoreceren os centros que segregan por sexo, feito que autodefine claramente o seu goberno rancio, patriarcal e clasista.
O 20F demostraremos que non cometerán ningunha inxustiza co noso silencio
Por todo isto e pola súa total incompetencia, o 20 de febreiro demostraremos que non cometerán ningunha inxustiza co noso silencio, que o ensino é un dereito e non un privilexio e estamos dispostas a loitar polo que nos corresponde.
E non podemos calar, por iso temos que baleirar as aulas o día 20 e demostrar que non queremos o seu modelo educativo e que outras políticas son posíbeis. Dicíao Nelson Mandela, e dicímolo e dirémolo nós tamén.
Por dignidade e por orgullo, todas e todos a rúa!
Alba Sánchez Castanedo.
Responsábel de Ensino de Galiza Nova e estudante de Filoloxía na Coruña.