As estudantes mobilizamonos este 18 de decembro por unha vida digna onde a educación sexa un dereito accesíbel para todas.
O estudantado galego non fica indiferente á suba actual dos prezos. Os alugueres desorbitados, as bolsas insuficientes, os gastos de comida e luz para aquelas que viven fora da casa das súas familias… Día a día a vida estase a volver máis difícil e precaria para as clases populares e aínda máis para as estudantes.
Este ano os alugueres dalgunhas cidades aumentaron 100€ con respecto ao anterior. Este feito fai que non nos podamos permitir vivir na cidade na que estudamos, tendo que escoller nalgunhas ocasións se pagar o alugueiro ou comer todo o mes. A especulación sobre a vivenda e a falta de vontade política para regular os prezos dos alugueiros fan que a emancipación, parcial ou total das estudantes, sexa inviable. A isto súmase a falta de prazas públicas a prezos accesíbeis para as estudantes. É sangrante o caso da USC, onde o ano pasado máis de 1500 estudantes quedaron sen praza nas residencias.
Por outro lado, tampouco podemos desprazarnos dende as nosas casas ata o lugar de estudo porque non hai un servizo de transporte público viable. A falta de horarios e de combinacións e a inexistente conexión cos núcleos rurais, non nos permiten chegar ás aulas a tempo, ademáis dos retrasos que se producen de forma sistemática en todas as paradas do país. Todas debemos ter acceso ao noso centro de estudos independentemente de onde vivamos.
Algunhas empresas fanse de ouro a costa de que as estudantes nos limitemos a sobrevivir. A suba de prezos desorbitada de productos básicos como poden ser os alimentos, a luz ou os productos de hixiene (sobre todo a femenina), déixannos nunha situación de precariedade absoluta que nos fai escoller entre comer e pagar as facturas.
A esta situación hai que sumarlle as rebaixas e os endurecementos das condicións precisas para acceder ás bolsas de estudos. Estudar estase a converter nun luxo, non ao alcance de todas. Condenan ás clases populares e con familias con poucos ou nulos recursos a renunciar á posiblidade de formación, o que os converte en man de obra pouco cualificada, manipulable e condicionada.
O avance do proxecto da LOSU profundiza a privatización do ensino universitario, dándolles ás universidades privadas certos privilexios (financiamento público, bolsas, estar representadas no consello de estudantes…), sen ter que cumprir as esixencias que se lle requiren á pública. Auméntase o papel do consello social e con el o da empresa privada, que mete máis man na universidade pública. Exclúe e marxina ás organizacións estudantís, burocratizando a participación e desmantelando o tecido organizativo existente ademais de elitizar o ensino coa aparición dos “microgrados”.
As opcións que nos ofrecen os gobernos estatais (PSOE-UP) e galego (PP) non resolven os problemas estruturais do estudantado galego e limítanse a parchear situacións concretas. É isto o que precisa o estudantado? Non, nós merecemos unha vida digna onde poder estudar para crecer como individuos e como sociedade.
Por iso, cómpre que saiamos á rúa para defender o que é noso. A nosa vida non se debería reducir á supervivencia. Para frear a suba desorbitada dos prezos, por unhas condicións de vida dignas para o estudantado. Se inflan os prezos, nós baleiramos as aulas!