O Festigal, finalista nos Premios Martín Códax da Música

f3 O Festigal optará a ser galardoado na categoría de Festivais dos Premios Martín Códax da Música, tras coñecerse onte a súa nominación coma finalista. En Galiza Nova, coma parte organizadora deste gran evento xunto á Fundación Galiza Sempre e a Comisión Festigal, sentímonos moi agradecid@s e orgullos@s por este recoñecemento ao  Festigal realizado por profesionais da música galega; e que nos dá moito impulso para seguir a traballar na nova edición do Festigal, o gran evento musical e artístico do 24 e 25 de xullo, con alto contido musical e creativo de extraordinaria calidade desde o compromiso con Galiza e a rebeldía.

A programación do Festigal esténdese durante 48 horas en Santiago de Compostela, arredor do Día da Patria, e combina as actuacións musicais con actividades literarias, debates, exposicións e proxeccións audiovisuais. Leva máis de 10 anos cunha aposta pola cultura galega, polas propostas artísticas e musicais feitas en Galiza, nun marco de traballo consolidado e sostíbel e con ansia por continuar a ser un escaparate de referencia para a proxección e o intercambio cultural de calidade, como acreditan os milleiros de persoas que atrae en cada edición.

Polo seu escenario pasaron Berrogüetto, Susana Seivane, A Cada Canto, Sés, Deus ke te Crew, Nao, Lamatumbá, Loretta Martin, Os Cuchufellos, Festicultores e artistas internacionais como Pablo Milanés, Deolinda, Kepa Junkera, Gaiteiros de Lisboa ou La Phaze, entre outros.

f1Os Premios Martín Códax, organizados pola Asociación de Músicos ao Vivo, escolleron nesta primeira rolda tres finalistas de cada categoría que se anunciaron este mércores no transcurso dunha cea oficial nas bodegas Martín Códax e a gala de entrega de premios para escoller o proxecto gañador será o 17 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Estes premios naceron para recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas; para revelar novos talentos e achegar a música e o seu proceso de produción ao público.