A nosa lingua está a atravesar un momento especialmente delicado. O número de galegofalantes redúcese ano tras ano, perda que é especialmente notoria e grave entre a mocidade, onde se pasou dun 26% a un 15% de galegofalantes habituais entre as mozas de 5 a 14 anos nos últimos 5 anos. O caso máis crítico é o das cidades, mais esta perda de falantes tamén é visible na xente moza das áreas rurais. Aínda que son as vilas máis pequenas do país e as aldeas onde o galego goza dunha maior saúde, si que debemos recoñecer que cada vez as mozas teñen unha maior españolización.
É indignante comprobar que o mito que se inculcou relacionando o falar galego cun baixo nivel cultural continúa a estar presente na nosa mocidade. Podemos ver como ese grave prexuízo cara a nós mesmas se transmite xeración tras xeración, evitando así que moitas crianzas non aprendan o galego na casa a pesar de se criaren en familias galegofalantes habituais, o que resulta de todo modo inadmisible.
A escolarización xoga un papel importante agravando este proceso. Os últimos decretos da Xunta da Galiza recortaron brutalmente a presenza do galego no ensino, apartándoo definitivamente das materias científico-técnicas. A LOMCE veu a reforzar o proceso encetado polo decreto de plurilingüismo e outras múltiples medidas lingüicidas, e hoxe vemos como na educación secundaria o galego conta con entre 10 e 13 horas semanais menos a respecto do castelán. Ademais, contamos cun profesorado cada vez máis castelanfalante que axuda a perpetuar esta dinámica. No ensino universitario o galego tamén se atopa relegado a un segundo plano, ata chegar á situación de que se nos denega o dereito a facer os exames e traballos académicos na nosa lingua en múltiples ocasións.
Por outra banda, a nosa mocidade accede cada vez máis a unha cultura máis españolizada e globalizada. A maior relevancia das redes sociais no ocio da mocidade tamén ten efectos sobre o uso do idioma. Xurdiron múltiples iniciativas nestes anos para demandar que estivesen na nosa lingua (Twitter en galego, Android en galego) logrando en moitas ocasións que as grandes compañías incluísen o galego nas opcións de idioma.
Porén, a falta de programación na radio e televisión públicas enfocada cara a este sector e a diminución das dobraxes de filmes e series de actualidade ao galego deixan como única alternativa para a mocidade consumir as creacións audiovisuais noutras linguas. Somos moi conscientes da nosa capacidade creadora. Celebrouse nestes mes o 23 aniversario do Xabarín Club, un espazo no que personaxes coma Son Goku, Arale ou Asterix e Obelix falaban en galego e cantaban cancións dos Diplomáticos de Montealto e os Herdeiros da Crus. O Xabarín tamén nos abriu as portas a coñecer novos grupos galegos e música portuguesa. É innegable o efecto normalizador sobre o idioma que exerceu este programa, achegando o galego a toda unha xeración e facéndoo ademais a través da figura dun porco bravo. Achegoulle o galego tanto a unha rapazada galegofalante que o viu como un reforzo positivo, coma a outra falante de castelán, que comezou a utilizar a nosa lingua fóra das aulas. Agora que a CRTVG o relegou á súa segunda canle e cun contido moito máis empobrecido podemos ver como as novas xeracións non teñen ese apego pola lingua e como se perde a posibilidade de simpatizar co galego dende tan novas.
A perda de falantes no ámbito urbano acompáñase tamén dunha perda do trazo identitario que posúe a lingua. É habitual que no rural aínda se manteña a idea de que “falo galego porque son galega”, mais esta característica está a desaparecer nas cidades. Unha porcentaxe moi importante da mocidade urbana considera que falar galego é coma unha habilidade máis, desligándoa da cultura e a idiosincrasia, e por suposto tamén da conciencia nacional. Isto é realmente o que buscan as políticas do estado español e a Xunta do PP, que a lingua pase a ocupar un lugar semellante á gastronomía: coma un prato de percebes que esperta a admiración das turistas polo seu baixo prezo mais non polo risco que corren os nosos mariñeiros no mar. A nosa lingua non é só algo bonito, é a nosa identidade, é a nosa maneira de mirar o mundo e de situarnos nel.
Neste momento a rebeldía é máis importante ca nunca, o galego precisa de todas nós para resistir. Estamos vendo como todo este sistema quere acabar con nós, e a única saída que temos é rebelarnos. Falar, berrar, escribir, rosmar, recitar, cantar, mais sempre en galego. Non podemos permitir que continúen a destruír o noso. Por iso rebélate, fala galego!