Este 14 de febreiro, como cada ano, vemos como o sistema capitalista se afana en consolidar, máis se é posíbel, un modelo de “amor” que ten como base a submisión, o control, a entrega dos nosos corpos, a heterosexualidade como norma, con fins reprodutivos e de filiación. E nós, contra isto, non imos quedar caladas.
Esta data é unha das ferramentas fortes do sistema para a imprimación do mito do amor romántico na sociedade. Un “amor” que nos vende os contos de fadas como referencia e mitifica a submisión, os celos, o control, os estereotipos dos corpos, as discusións, etc. normativizando un modelo de relación tóxica ata tal punto que é moi difícil ver as contradicións neste discurso e identificar como violencia este tipo de actitudes.
Por iso dicimos basta! Basta de vendernos un modelo de amor que nos convirte en escravas. Basta de contos de fada que nos venden condutas pouco saudábeis, que nos ensinan que as mulleres temos que estar sempre felices, agardando ao noso príncipe azul para comer perdices e ter fillos que paguen as pensións dos membros do Partido Popular. Basta de dicirnos ás mulleres que é normal discutir nunha relación, mitificar as relacións e ir creando en nós ese hábito de espera e perdón que nos leva á máis profunda submisión, á violencia machista e, moitas veces, á morte. Non nos contedes que “os que pelexan, deséxanse”, que os polos opostos se atraen e que temos que andar cos ollos ben abertos porque en calquera esquina estará agardando por nós a nosa media laranxa, o príncipe azul, o do pacto de por vida, o matrimonio e o conto de fadas.
Estamos fartas e seguiremos loitando contra o que a alianza patriarcado e capital nos impón. Porque xa abondou de mitificación do amor, de relacións tóxicas, de violencia machista e de asasinadas. Non queremos someternos ao sistema e non deixaremos de alzar a voz para defendernos, para deixar claro que o amor non é un cadeado así que, San Valentín, non nos contes contos!