“O PP promociona a caza entre a mocidade” artigo de Elvira Branco

Elvira Blanco. responsábel nacional de Ecoloxismo de Galiza Nova (Foto de Carmela Queijeiro)

O pasado mes de maio a Xunta de Galicia renovou, nunha xuntanza na que sentaron a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación de Territorio, a directora xeral de Patrimonio Natural e o presidente da Federación Galega de Caza, o convenio de 25.000€ asinado no 2016 (no 2015 foron 27.569€, mais daquela asinado coa Secretaría Xeral para o Deporte). Ao igual que outros anos, o documento incluía accións que a Federación levaría a cabo para mellorar as medidas de seguridade das persoas usuarias do monte. Pero este ano chama á atención a inclusión dunha partida económica para promover a caza entre a poboación menor de 30 anos.

En palabras da conselleira, o plan sería organizar unha “xornada divulgativa orientada a menores de 30 anos para que coñezan esta actividade coma un deporte saudable e sostible”, para “fomentar entre os máis novos valores medioambientais asociados á caza” e para introducir a caza como “unha medida para a protección do medio natural e do patrimonio”.

Pese a que o convenio aínda non foi publicado nin no DOG nin no rexistro de convenios da web da Xunta (u-la lei de transparencia?), o “I Encontro de Xuventudes pola Caza” xa tivo lugar o 29 de xullo en Trazo. A xornada foi organizada pola Federación e por numerosos patrocinadores, un lobby que non só está a favor dunha actividade tan grotesca como o asasinato de animais por diversión, senón que tamén intentan rebaixar a idade para participar en batidas e cacerías dos 16 anos que establece a Lei de Caza de Galicia (2013) aos 14 anos.

Semella incrible que unha institución como á Xunta de Galicia promocione esta práctica entre as rapazas e os rapaces máis novos, sobre todo porque o que conseguirá será acabar por normalizar a unha idade tan temperá a violencia contra os animais.

Ademais, mentres subvenciona o asasinato de animais, o Partido Popular segue a criminalizar o lecer nocturno, sen ofrecerlle á mocidade galega un programa de lecer con programas de ocio e actividades diferentes ao consumo de alcohol e outras substancias. Na mesma liña, tanto as prácticas deportivas profesionais como as de base están condicionadas polo capitalismo, o cal as ve como un elemento a converter en negocio, deixando moi atrás os principios sociais e de saúde física con que naceu o deporte.

Existen alternativas á cultura do capitalismo, sobre todo no lecer nocturno, por iso deberamos esixir a oferta de actividades e de espazos públicos de lecer alternativos que opten por amosar toda a potencialidade do noso panorama musical e cultural en galego, que pulen pola convivencia e non teñan como obxectivo único o lucro económico. Do mesmo xeito, o lóxico sería apostar por un modelo que rache co deporte como negocio, un modelo deportivo que acabe coas desigualdades que se producen por cuestións de sexo e de orientación sexual.

Con este convenio a Xunta de Galicia pon de manifesto unha vez máis a súa hipocrisía, presentando a caza como unha forma de protexer o medio natural e o patrimonio, cando a realidade é que o colonialismo español do que o Partido Popular é cómplice ten condenado o medio galego a un estado de degradación e espolio froito das políticas capitalistas que aplican dende o goberno da Xunta.

Son necesarias medidas efectivas que camiñen realmente cara unha Galiza sustentábel, e isto pasará por superar o mantra capitalista de que o crecemento económico é a única vía de progreso, así como por rachar coa nosa situación colonial na que os grandes poderes non gardan o máis mínimo respecto polo noso medio e só se interesan por xerar beneficios a costa del.