O PP rexeita a declaración do Monte Pindo como Parque Natural!

O pasado venres 3 de febreiro, o Parlamento de Galiza, polo voto en contra do Partido Popular, rexeitou a declaración do Monte Pindo como Parque Natural.Desde a “Asociación Monte Pindo Parque Natural”, nunha rolda de prensa en colaboración con ADEGA sinalan que a negativa do PP é debida a “criterios económicos, dado que saben perfectamente que a declaración de Parque Natural implica asumir por lei compromisos firmes mediante o establecemento de prazos e dunha partida económica específica que garanta que esta protección sexa útil e efectiva”. Desde a Asociación defenden que polas súas calidades naturais, xeolóxicas, patrimoniais e históricas este monte é depositario da idiosincrasia de todo o noso pobo e que merece contar con esta recoñecemento e protección medio-ambiental.

Por todo isto, desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural, convocan unha mobilización que terá lugar o 14 de abril no Pindo (Concello de Carnota) e que servirá para amosarlle á Xunta de Galiza o multitudinario respaldo co que conta esta iniciativa tanto na comarca afectada como entre persoas de toda Galiza.

Dende Galiza Nova, como vén de facer o Bloque Nacionalista Galego mediante unha resolución da súa XIII Asemblea Nacional tamén saudamos e apoiamos a loita das veciñas e dos veciños de Carnota e da Costa da Morte a prol da declaración do Monte Pindo como parque natural e que a Consellería de medio ambiente da Xunta de Galiza lle nega. Por iso, Galiza Nova respaldará a mobilización convocada pola Asociación Monte Pindo Parque Natural para o 14 de abril e chamamos á participación da mocidade da zona para defensa do medio natural galego.