A vivenda converteuse nun dos principais obstáculos para a emancipación da mocidade galega. Hoxe, mesmo tendo un emprego e un salario, non existe garantía de poder acceder a unha vivenda e construír un proxecto de vida autónomo. Na última década o prezo do alugueiro na Galiza subiu máis dun 70%, moi por riba da evolución dos salarios.
Trátase dun problema xeral, que está a acontecer de forma sistemática nos estados que adoptaron e promoven un sistema capitalista ultraespeculativo, mais que na Galiza adopta características propias.
Son diversas as causas que explican a actual crise de vivenda, entre elas:
- A falta dunha política pública de vivenda é unha delas. Durante os últimos anos reduciuse o parque de vivenda pública e entre 2014 e o ano pasado só se construíron 144 vivendas protexidas destinadas ao alugueiro, mentres existen máis de 33.000 demandantes de vivenda pública en alugueiro.
- A Xunta tamén se negou a intervir de maneira decidida sobre os prezos e dificultou a declaración de zonas tensionadas. As propostas baseadas en pisos de aloxamento compartido de apenas 30 metros cadrados ou ofrecer baixos comerciais como vivendas evidencian, ademais, unha concepción neoliberal baseada en adaptar as persoas á precariedade en lugar de garantir dereitos e condicións dignas para vivir.
- A turistificación agrava esta realidade. Desde 2021 duplicouse o número de vivendas de uso turístico mentres diminuíu un 40 % o número de vivendas destinadas ao alugueiro residencial. De novo, este non é un problema só das cidades, na Galiza existe un grande número de propietarios a especularen coa vivenda, como é o caso de concellos como Sanxenxo, Barreiros ou Portomarín, con máis oferta turística que habitantes.
Tórnase fundamental limitar as Vivendas de Uso Turístico para pór freo ao turismo invasivo.
Ademais, na Galiza a problemática presenta características propias que esixen respostas adaptadas ao noso país.
A porcentaxe de vivendas en mans de grandes propietarios é relativamente reducida: representan arredor do 3 % do parque, fronte ao 17 % de Madrid. Unha parte importante das persoas arrendadoras pertence tamén ás clases populares e ten rendas baixas. Un 40% ten rendas totais inferiores aos 21.000 euros anuais. Isto obriga a evitar explicacións simplistas e a desenvolver políticas que actúen sobre os diferentes factores que determinan o acceso á vivenda.
Non estamos ante un problema exclusivamente urbano. Nos últimos cinco anos, o alugueiro aumentou un 38 % nas grandes vilas galegas, fronte ao 34 % nas cidades e ao 32,5 % de media no país. A crise habitacional afecta, polo tanto, o conxunto da Galiza e ten consecuencias particulares nun país caracterizado pola dispersión poboacional.
Tamén o fenómeno dos desafiuzamentos adquire caracteristicas propias no noso país. Entre os anos 2021 e 2025 producironse 6.600 desafiuzamentos na Galiza e, nun contexto no que o parque público de vivenda apenas representa un 1% (fronte ao 3,3% de media do estado e moi lonxe do 8% europeo) as alternativas de habitabilidade son moi escasas para as persoas afectadas.
Ao mesmo tempo, a Galiza presenta unha das porcentaxes máis elevadas de vivenda baleira de Europa: máis de 340.000 vivendas, arredor do 30% total. Esta realidade é especialmente contraditoria nun contexto de dificultade crecente para acceder a unha vivenda.
Por iso, aumentar a oferta non pode significar unicamente construír máis. É necesario mobilizar a vivenda xa existente, rehabilitar os inmóbeis baleiros e incorporar ao parque residencial aquelas vivendas destinadas actualmente a outros usos e a vivenda estacional, impedindo que se expulse á poboación das súas vivendas.
Esta cuestión ten unha importancia especial no rural. Mobilizar vivenda baleira pode contribuír á recuperación demográfica e económica de concellos afectados polo abandono, pero a vivenda non pode abordarse de maneira illada. Sen emprego, transporte, servizos públicos, ensino ou acceso á formación, dificilmente poderemos garantir que a poboación nova poida desenvolver o seu proxecto de vida no territorio que escolle.
Solucións
A vivenda debe ser entendida como un dereito fundamental e non como unha mercadoría máis. A prioridade debe ser garantir que todas as persoas poidan acceder a unha vivenda digna, independentemente da súa renda ou do lugar no que vivan.
Para iso é necesario aumentar de maneira decidida o parque público de vivenda, intervir sobre os prezos dos alugueiros e impulsar bolsas de alugueiro social para a mocidade. Tamén cómpre ampliar as residencias públicas universitarias: actualmente só 2 de cada 100 estudantes universitarias da Galiza teñen acceso a unha praza pública.
Do mesmo xeito, é imprescindible limitar as vivendas de uso turístico, mobilizar a vivenda baleira e rehabilitar o parque residencial existente. As políticas públicas deben permitir que a vivenda cumpra a súa función social e evitar que a especulación determine quen pode vivir en cada territorio.
A crise habitacional é, en definitiva, unha cuestión central para a emancipación da mocidade. Pero tamén é unha cuestión de país. A imposibilidade de acceder a unha vivenda condiciona o emprego, os estudos, a mobilidade, a natalidade e mesmo a capacidade de permanecer no país.
Por iso, a loita pola vivenda debe formar parte dunha estratexia máis ampla de emancipación xuvenil e nacional. Precisamos construír na Galiza un movemento pola vivenda con capacidade de mobilización, arraigado no territorio e capaz de combinar respostas inmediatas con transformacións estruturais.
Por iso precisamos de soberanía, porque queremos unha Galiza na que ninguén teña que marchar do seu barrio, da súa vila nin do seu país para poder vivir.
