O que non che contan do Bono Xove de Alugueiro

O 18 de xaneiro de 2022 aprobouse a través de Real Decreto o Bono Xove de alugueiro como medida para aumentar a baixa taxa de emancipación da xente nova. Este bono dotará de 250 euros mensuais para todos os menores de 35 anos que cumpran os requisitos.

Se ben esta medida pode supor unha boa ferramenta puntual, non dá resposta á problemática: aumentar a emancipación xuvenil. O propio goberno admite que tan só un 1.7% das persoas novas emancipadas poderán acollerse a este bono, o que na Galiza se traduce en apenas 2000 persoas mozas. Ademais por experiencia doutros países da contorna, a disposición dun bono de alugueiro sen levar a cabo políticas de control de prezos e nun contexto de forte crecemento da demanda, como é o caso do Estado español, pode colaborar cunha inflación dos prezos da vivenda. O goberno trata de dar solución a este escenario requirindo que o límite do alugueiro sexa de 600€ (900 en caso de que a Comunidade Autónoma así o acorde) mais isto provocaría que todos os prezos se sitúen nesa cortina, sobre todo por parte daqueles propietarios que teñan afán especulador.

Dende Galiza Nova defendemos que esta non pode ser a base dunha solución que precisa de maior vontade e valentía. A baixa taxa de emancipación xuvenil débese a un carácter estrutural que precisa solucións que pasen polo desenvolvemento dun modelo de vivenda pública e pola mobilización de inmobles baleiros como medida para aumentar a oferta de vivenda en réxime de alugueiro a prezos accesíbeis.

Dentro do modelo de vivenda protexida, a xente moza que se quere emancipar recorre principalmente á vivenda protexida de promoción pública en réxime de alugueiro, mais é precisamente este modelo o que menos se desenvolve. Ademais somos a nación do Estado con máis vivenda baleira e unha parte importante está localizada nas zonas con prezos máis elevados. A mobilización desta vivenda, a cal está na maior parte en mans de entidades bancarias como ABANCA, pode contribuír a aumentar a oferta de vivenda e arrefriar os prezos de mercado.

A maiores, habería que valorar con precaución a necesidade de regular os prezos de forma puntual nalgunhas áreas onde as medidas anteriores non fosen suficientes para rebaixar o importante incremento dos prezos.

Polo que esiximos a posta en marcha das políticas en materia de vivenda que recollemos no Plan Galiza Nova: creación dunha bolsa de vivenda para estudantes, construír un fondo social de vivenda, crear un banco galego de vivenda, impulsar a rehabilitación de vivendas e espazos degradados e recuperar e conservar as vivendas do rural. Sen esquecer que o acceso á vivenda por parte da xente moza conséguese tamén con medidas efectivas en materia de emprego, sendo este o principal hándicap da baixa emancipación xuvenil no noso país, que coa falsa nova reforma laboral vemos que non se da solución.