O rearmamento do imperialismo europeo. Artigo Paulo Alonso

Paulo Alonso na AN de Galiza Nova

Esta semana coñecemos a noticia de que o goberno español elevará o gasto militar até representar un 2 % do PIB do estado, seguindo o plan de «rearmamento» elaborado pola Comisión Europea. Este incremento, como é habitual na política militar europea, foi presentado como unha necesidade defensiva para asegurar a seguridade europea. Porén, unha breve ollada á historia militar dos membros da Unión Europea nas últimas décadas cuestiona claramente esta retórica defensiva.

O certo é que semella difícil acreditar que a Unión Europea precise rearmarse, cando a maior parte dos seus estados manteñen bases militares fóra da UE e cando, até agora, os membros da UE teñen sido —sen excepción— a potencia invasora nos conflitos en que participaron. Cómpre recordar, neste sentido, o papel do exército francés na África e en diversos países árabes na última década, ou o que tivo o Estado español na invasión de Iraq en 2003 ou no bombardeo de Libia en 2011. Das 22 misións militares actualmente en curso no marco da política común de defensa e seguridade europeas, só 10 teñen lugar dentro do continente europeo. Semella complicado confiar a paz na Europa a unha institución que, presidida por un político español, tivo unha terríbel e sanguenta pegada na desintegración da antiga Iugoslavia.

Se todo isto non abonda para nos convencermos da función real dos exércitos europeos, debemos tamén considerar que a estrutura deles tendeu —desde o final da Guerra Fría— cada vez máis cara a unha organización orientada á realización de misións no estranxeiro. No caso español, en 2015, a reorganización do exército nun sistema de Brigadas Orgánicas Polivalentes fíxose cos obxectivos explícitos de mellorar a aerotransportabilidade e a rapidez na despregadura en misións internacionais. Así mesmo, o investimento militar nos últimos anos estivo prioritariamente enfocado, no Estado español, na compra de blindados lixeiros antes que de tanques, de novo, dando un papel central á aerotransportabilidade. Deste xeito, ao comezar a actual fase da guerra na Ucraína en 2022, a opinión pública española sorprendeuse coa noticia de que o Goberno non posuía ningún tanque en bo estado para prestar ao Estado ucraíno. Mais isto non ten a ver con ningunha falla de orzamento, nin é un fenómeno especificamente español. Os fusileiros navais (marines) estadounidenses, por exemplo, desfixéronse dos seus últimos tanques en 2023, dado que son vehículos demasiado caros de transportar para o seu uso en misións no estranxeiro. De feito, foron usados para experimentar a súa eficacia na guerra actual na Ucraína.

Unha vez fica visíbel que o propósito do aumento do gasto militar non é, nin moito menos, a defensa das fronteiras europeas, cabe preguntarse, exactamente, o seu obxectivo. Neste sentido, a resposta é clara. O propósito de todo o gasto militar dos estados europeos no seu conxunto —e non só con esta nova suba— sempre foi o mantemento da súa hexemonía internacional como árbitros do mundo. Unha posición en que a Unión Europea se ve subordinada aos intereses dos Estados Unidos, mais que en troques ofrece grandes oportunidades de negocio para a burguesía europea na explotación dos pobos de África, Asia ou América Latina. Así, libérase a Europa dos gastos militares e políticos de manter a subordinación a occidente sur mundial, gastos cos que até agora correron maiormente os EUA.

Até hoxe, para manteren esta orde, as elites dirixentes europeas só tiveran que colaborar discretamente coas iniciativas norteamericanas contra países díscolos. E mesmo podían permitirse xestos simbólicos de independencia con respecto aos Estados Unidos, que permitían vender á poboación a integración europea como unha forma de fortalecer a soberanía de Europa fronte ao dominio estadounidense. Porén, a crecente crise política dos Estados Unidos fai cada vez máis imprevisíbel a súa política internacional. Esta vén marcada polo crecente choque de intereses entre os sectores da burguesía estadounidense máis internacionalizados fronte á burguesía industrial que está a sofrer duramente as consecuencias da crecente competencia tecnolóxica da China e do longo declive industrial que vive o país desde a década dos 80. Este enfrontamento maniféstase na política económica cunha división no seo das elites dos EUA entre proteccionistas e librecambistas e na política internacional cunha división entre isolacionistas e intervencionistas. Feito que, xunto coas extravagancias e inconsistencias do actual presidente do país, fai moi difícil predicir que posición se imporá nos vindeiros anos.

Neste sentido, as elites políticas da Unión Europea fican nunha posición sumamente difícil. De estar situadas nunha cómoda segunda fila mentres os EU realizaban o groso do «traballo sucio» para manter a orde internacional, pasan agora a verse na obriga de manteren en solitario unha orde internacional de que o goberno estadounidense semella ter desertado.

Nesta situación, vivimos un aumento do discurso belicista, o cal supón unha ameaza para moitos avances sociais recentes. Lembremos que estes discursos veñen aparellados habitualmente de xenofobia, transfondo machista e buscan a división entre as traballadoras. Hai algo máis de 100 anos, Europa marchaba feliz cara a unha guerra, cadaquén convencido de que a súa era a máis xusta causa. A posición antiimperialista galega non é moi distinta agora: a defensa da vida, o internacionalismo e o respecto á soberanía dos pobos. Estes son os únicos piares sobre os que asentar calquera paz duradeira. Os pobos da Europa teñen a capacidade e o deber de evitar que volte acontecer.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *